A Xunta impulsa o turismo accesible para unha oferta máis ampla, integradora e de calidade

Intervención de José Manuel Balseiro
O delegado territorial da Xunta, José Manuel Balseiro, destacou que a Xunta está a impulsar o turismo accesible achegando aos axentes turísticos as ferramentas e coñecementos adecuados para ofrecer servizos de calidade adaptados ás persoas con diversidade funcional.
Deste xeito, afirmou, construiremos “unha oferta turística máis ampla, integradora e de calidade”. Balseiro realizou estas declaracións no curso sobre turismo accesible que desenvolve Turismo de Galicia no Arquivo Histórico de Lugo, especialmente dirixido aos establecementos situados no Camiño de Santiago.
Ao respecto, o delegado lembrou que actualmente todos os albergues da Rede Pública de Albergues no Camiño de Santiago dispoñen dunha habitación destinada a persoas con discapacidade e de aseos adaptados.
No curso, os profesionais aprenderon a facer accesibles os seus negocios así como algunhas técnicas de comunicación e promoción inclusivas, entre outras cuestións. Está estruturado en varios bloques temáticos e intercala sesións teóricas e actividades prácticas.
O programa completarase con mesas de experiencias nas que distintos relatores darán a coñecer iniciativas públicas e privadas orientadas á promoción do turismo accesible.











