publicidade hoxe

A Xunta finaliza a nova senda peonil entre Allariz e Outeiro de Orraca cun investimento duns 232.000 euros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAllarizOurense
A-
A+

A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, xunto coa delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz, supervisou hoxe a nova senda peonil na estrada OU-320, ao seu paso por Allariz, que o Goberno galego vén de rematar mediante o investimento duns 232.000 euros.

Vázquez Mourelle indicou que este proxecto está enmarcado no Plan de Sendas de Galicia, que na comarca de Ourense prevé a execución de 13 novas sendas, seguras e sostibles, ás que se van destinar máis de 2,6 millóns de euros.

A titular de Infraestruturas subliñou que a nova senda achega máis seguridade, maior comodidade e funcionalidade aos veciños de Allariz, ao conectar as vivendas existentes en Outeiro de Orraca co centro urbano da vila, onde se atopan os principais servizos e equipamentos.

Esta actuación recentemente finalizada, de case 2 km de lonxitude, permite conectar o núcleo de Allariz co de Outeiro de Orraca. Pola marxe esquerda executáronse 150 metros de senda, dando continuidade á beirarrúa existente e na marxe dereita da estrada construíuse a senda completa, ao longo de 1,7 km, ata o final da travesía de Outeiro de Orraca. Este proxecto completouse coa construción dunha rede de recollida de pluviais e coa renovación dun treito da tubaxe de abastecemento.

Con este novo itinerario, a Xunta pretende favorecer a mobilidade dos veciños, para que poidan realizar os seus desprazamentos cotiás cara ao centro da vila, a pé e de xeito seguro. Ademais, a actuación contribúe a unha maior integración urbana, ao reforzar as comunicacións entre os principais núcleos de poboación e aposta por unha mobilidade máis respectuosa co medio.

Esta senda vén a completar unha actuación rematada a finais de 2015, o itinerario peonil de medio quilómetro de lonxitude que se inicia na travesía de Gundiás e remata na intersección coa N-525, e que contou cun investimento da Xunta de 75.000 euros.

Nas seguintes fotografías amósase o estado inicial desta estrada e o actual, tras a construción da citada senda.

29 de marzo de 2017 | 16:52 • Sen comentarios

Comentarios pechados.