A Xunta destaca en Santiago que os obradoiros priorizan á mocidade con programas específicos para menores de 30 anos
O director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Alfonso Marnotes, participou hoxe na clausura e entrega de diplomas do obradoiro de emprego Ecotur Xuvenil II no que se formaron 15 alumnos, todos eles menores de 30 anos, nas especialidades de instalación e mantemento de xardíns e zonas verdes e colocación de pedra natural.
Marnotes explicou que este obradoiro, apoiado pola Xunta a través do Sistema de Garantía Xuvenil, deu continuidade aos traballos levados a cabo o pasado ano a través da primeira edición desta iniciativa. Deste xeito, os alumnos proseguiron co acondicionamento das sendas peonís de Galeras e Ponte Albar (a rota dos ríos de Brañas do Sar) e, en concreto, realizaron tarefas consistentes na eliminación de especies invasoras, saneamento e drenaxe, restauración da presa, canles e pontes e lousado de pedra, entre outros.
O director xeral puxo en valor este tipo de programas que ofrecen formación e un contrato de traballo polo que se incrementa a inserción no mercado de traballo dos seus participantes.
Marnotes informou de que xa está aberta a convocatoria de axudas para os obradoiros de emprego á que este ano a Xunta destina un total de 20,5 millóns de euros, preto dun 50% máis que na convocatoria inicial anterior, tanto para os programas ordinarios como para os específicos para os menores de 30 anos. As axudas para os obradoiros de carácter xuvenil sairán publicadas no DOG proximamente.
O director xeral explicou que este ano se inclúen nestes programas diversas novidades como é que a partir de agora se valorará a relación da iniciativa co tecido empresarial da zona onde teña lugar o obradoiro e as posibilidades de inserción.
Ademais, ampliarase a duración ata os 9 meses, os concellos resultantes de fusións contarán con maior puntuación, primaranse os proxectos relacionados coa Industria 4.0 e os sectores estratéxicos e terán preferencia as persoas e colectivos que máis o precisen como son os beneficiarios da Renda de Integración Social, as mulleres, vítimas de violencia de xénero, os parados de longa duración, os maiores de 45 anos, alumnos que carecen de títulos universitarios ou de FP de grao superior e as persoas con discapacidade ou en risco de exclusión social. O Goberno galego prevé con esta convocatoria beneficiar a 1.600 persoas.
Lanzadeiras de Emprego
O responsable de Orientación e Promoción Laboral avanzou, por último, que Santiago contará este ano cunha lanzadeira de emprego que levará a cabo a Xunta en coordinación coa Fundación Santa María la Real e co apoio da Fundación Telefónica.
O programa, para mellorar a empregabilidade dos seus participantes, desenvolverase a partir de maio ao longo de 5 meses nos que, entre outras actividades, os alumnos e alumnas aprenderán a actualizar o seu currículo e levarán a cabo simulacións de entrevistas de traballo; coñecerán novas técnicas de comunicación para saber presentarse mellor a un posto laboral; reforzarán a busca en Internet, portais on line e redes sociais coa realización de obradoiros específicos para manexar correctamente estas ferramentas; e farán visitas a empresas para darse a coñecer como profesionais. O programa de traballo inclúe técnicas de coaching e desenvolvemento da intelixencia emocional e fomento da cultura emprendedora, entre outras.
O prazo de inscrición está aberto desde hoxe e rematará o 20 de abril. Os interesados poden anotarse na web de lanzadeiras http://www.lanzaderasdeempleo.es/formulario-de-inscripcion ou nas oficinas de emprego das localidades onde terán lugar, así como en puntos habilitados, en Santiago, no Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia.