A Xunta destaca a súa aposta pola difusión da responsabilidade social empresarial entre as pemes para ganar competitividade

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSantiago de Compostela
A-
A+

A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, participou hoxe en Santiago no acto 100 Jornadas Corresponsables, un encontro que se enmarca no I Foro Iberoamericano de Comunicación Responsable, onde puxo en valor a aposta da Xunta pola difusión da Responsabilidade Social Empresarial (RSE) entre as pemes, sinalando que a introdución deste modelo de xestión tradúcese “en iniciativas empresariais de éxito”.

A secretaria xeral de Emprego apuntou que a Xunta aposta de xeito decidido pola aplicación da RSE nos procesos produtivos e nas políticas sociais da empresa, lembrando neste último eido que Galicia é pioneira a nivel nacional na aposta pola RSE para acadar “un verdadeiro emprego estable e de calidade”.

Ao respecto, explicou que o Goberno galego traballa, no marco da Axenda 20, nun novo Plan Estratéxico da RSE que será “un acordo marco sobre igualdade de oportunidades entre homes e mulleres e que promoverá na negociación colectiva medidas de RSE, igualdade e conciliación”. En materia de RSE, a Consellería de Economía, Emprego e Industria presta apoio económico ás empresas e leva a cabo programas de divulgación e orientación, así como de asesoramento e formación e mentoring mediante programas específicos en colaboración con grandes empresas.

A Xunta neste ámbito tamén conta cos Premios RSE Galicia como recoñecemento público ás iniciativas e boas prácticas das empresas galegas e co programa Responsabilízate, de asesoría gratuíta personalizada para implantar a RSE na xestión do negocio.

Para concluír, Toca indicou que “o éxito e o benestar dunha sociedade é inseparable da responsabilidade social das súas empresas” lembrando que xestionar empresas rendibles de forma ética xera maior produtividade, lealdade do cliente, acceso a mercados e credibilidade.

28 de marzo de 2017 | 17:15 • Sen comentarios

Comentarios pechados.