A Xunta destaca a independencia económica das mulleres e o empoderamento como requisito para alcanzar a igualdade

Susana López Abella na súa intervención durante a xornada
A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, destacou hoxe que a independencia económica das mulleres e o seu empoderamento é un requisito indispensable para alcanzar a Igualdade, así como a concienciación e análise dos problemas e dos obstáculos que afronta a muller no mercado de traballo, na súa representatividade nas organizacións, no emprendemento e na conciliación da vida persoal, familiar e laboral.
A secretaria Xeral de Igualdade, Susana López Abella, participou esta mañá na inauguración da xornada “Relacións laborais. Unha ollada en feminino”, xunto á decana da facultade de Relacións Laborais, Silvia Moscoso; a secretaria xeral da USC, Consuelo Regueiro e o secretario executivo do Consello Social da USC, Benigno Carril
López Abella destacou que en vésperas da conmemoración do Día Internacional da Muller, é importante afirmar que iniciativas como esta demostran o obxectivo claro froito do traballo conxunto e coordinado de distintas entidades que creen firmemente no papel da mulleres e no seu desenvolvemento económico e de representatividade social.
Ademais, destacou que o cooperativismo facilita o empoderamento e a independencia das mulleres, xa que constitúe unha fórmula para o emprendemento feminino, fomenta o empresariado dende o traballo en equipo, dende valores de Igualdade e porque as cooperativas potencian o liderado das mulleres polos seus propios principios cooperativos e porque os seus resultados económicos mostran que son rendibles e fixan emprego e riqueza no territorio.
A Secretaría Xeral da Igualdade leva anos apoiando o empoderamento económico e social das mulleres fomentando o emprendemento feminino, a través do Programa Emega, que comprende un conxunto de axudas dirixidas a apoiar a posta en marcha, a mellora e a reactivación de iniciativas empresariais constituídas por mulleres, xunto con medidas complementarias para favorecer a conciliación da vida persoal, familiar e laboral, así como para ter acceso a servizos específicos de acompañamento, asesoramento e titorización co obxecto de facilitar a implantación e consolidación dos proxectos empresariais promovidos por mulleres. E que dende o ano 2009 leva investido máis de 5,4 millóns de euros e facilitando a creación de 774 postos de traballo femininos.











