publicidade hoxe

A Xunta destaca a boa acollida e funcionamento das casas niño que están en servizo nunha trintena de concellos rurais

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLobios
A-
A+

A directora xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Amparo González Méndez, acompañada da delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, visitou esta mañá a casa niño ‘Os paxariños do Xurés’, situada no municipio de Lobios. Esta casa niño é das trinta que a día de hoxe están en servizo nas catro provincias, nas que se presta un coidado personalizado a nenos e nenas de entre 0 e 3 anos de idade de maneira gratuíta para as familias.

Amparo González destacou a boa acollida e funcionamento desta iniciativa impulsada pola Consellería de Política social coa finalidade de facilitar tanto a atención educativa na primeira infancia como a conciliación da vida familiar, laboral e social en concellos rurais de menos de 5.000 habitantes que non dispoñen doutro recurso de conciliación. Neste sentido, avanzou que a Xunta seguirá estendendo as casas niños a novas localidades coa apertura de 30 novas que xa están incluídas nos orzamentos de 2017. “A experiencia esta sendo moi positiva para as familias, que agradecen dispoñer dun sitio onde os seus fillos e fillas son atendidos de maneira personalizada e cun coidado especializado nos que o trato e a relación son moi próximos”, apuntou a directora xeral.

A implantación das casas niño é unha das medidas que forman parte do Programa de apoio á natalidade (PAN Galicia). Ademais de prestar unha primeira atención educativa aos nenos e nenas de 0 a 3 anos, constitúen un servizo máis de apoio á conciliación e de dinamización demográfica. Asemade, estes novos recursos favorecen a equidade no acceso aos servizos por parte de todas as familias galegas, con independencia do lugar de residencia; e impulsan o autoemprego e a economía social.

A apertura destes equipamentos contou co respaldo económico da Administración autonómica que en maio do ano pasado convocou unha liña de axudas para este fin dotada dun crédito orzamentario de 2,5 millóns de euros que se esgotou na súa totalidade. As persoas cuxas solicitudes foron atendidas recibiron unha achega económica dirixida tanto a contribuír ao financiamento do custo da reforma e adaptación da vivenda e ao seu equipamento e dotación material, así como á atención profesional prestada.

10 de marzo de 2017 | 11:39 • Sen comentarios

Comentarios pechados.