A Xunta datendeu o pasado ano máis de 3.900 persoas de Vigo e a súa área en situación de especial vulnerabilidade
O delegado territorial da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, ofreceu esta mañá unha rolda de prensa para informar das principais axudas en materia social que o Goberno galego outorgou o pasado ano ás persoas e familias nunha situación de especial vulnerabilidade de Vigo e a súa área. En total, a Administración autonómica atendeu a máis de 3.900 familias cunha difícil situación económica.
Concretamente, e coma explicou López-Chaves, unhas das medidas específicas máis importantes que a Xunta xa ten activadas dende o ano 2014 son para dar resposta ás necesidades enerxéticas dos consumidores máis vulnerables. Neste senso, Galicia foi “pioneira” en implantalas e, coma dixo o delegado, “trátase de axudas directas para destinatarios concretos”. Así, referiuse a dúas medidas: o tícket eléctrico social e as axudas para evitar os cortes de subministro eléctrico e de gas por falta de pagamento que, no ano 2016, beneficiaron a un total de 760 familias. “Son medidas específicas para evitar a pobreza enerxética”, dixo, apoiadas pola Consellería de Economía, Emprego e Industria.
No caso do tícket eléctrico social, o delegado informou que a contía da subvención para as unidades de convivencia que cumpran os requisitos pode chegar aos 300 euros ao ano. Os beneficiarios non poden superar ingresos totais de 1,5 veces o IPREM (9.585,19 euros) e pódese solicitar ata o 15 de xullo. No que respecta ás axudas para evitar os cortes de subministro eléctrico e gas, existe un protocolo de urxencia que comeza cunha notificación da comercializadora ao cliente na que lle informa deste tipo de axudas, asumindo a Xunta o pago de ata 2 facturas ao ano, cun importe máximo de 200 euros anuais por solicitante. “Dende o momento no que se presenta a solicitude, paralízase o corte durante un mes”, especificou o delegado, quen matizou que se conta coa axuda de Cáritas e Cruz Vermella para impulsar a difusión deste tipo de medidas. Os beneficiarios non poden superar o IPREM (6.390,13 euros) e teñen ata o 15 de decembro para solicitalas.
Pero non son as únicas medidas que a Xunta de Galicia ten activadas. Ademais destas medidas de carácter específico, López-Chaves informou tamén que a Administración autonómica apoia ás persoas que máis o necesitan con axudas xenéricas.
Neste caso fixo mención á Renda de Inclusión Social de Galicia (Risga), que soamente durante o pasado ano 2016 atendeu na cidade de Vigo a preto de 2.500 persoas que cada mes reciben unha axuda. A Consellería de Política Social destinou máis de 12 millóns de euros a este obxectivo, tendo sempre un crédito ampliable. “Máis de 1 millón de euros ao mes para os perceptores da Risga”, esgrimiu López-Chaves. E o dato é maior se nos fixamos nos concellos da área, nos que en total se atendeu a un total de 3.104 persoas cun investimento global superior aos 15 millóns de euros. “O peso da política social o desenrola a Xunta de Galicia”, valorou o delegado.
Por último, non se esqueceu doutra medida social na que a Xunta amosou sempre a súa implicación e apoio. Referiuse así ao Programa de Realoxos para atender aos casos de persoas que se atopen en risco de perder a súa vivenda ou en situación de desafiuzamento. Neste senso, lembrou que a Consellería de Infraestruturas e Vivenda xa solucionou, na zona de Vigo, o realoxo de 39 familias afectadas en vivendas propiedade da Xunta ou cedidas pola Sareb e as entidades financeiras.
Case todas elas adxudicáronse na cidade de Vigo (20 casos) pero outros realoxos se produciron en Salvaterra do Miño, Porriño, Moaña, Cangas, Salceda de Caselas, etc. Os dous últimos casos recibiron a pasada semana as chaves das súas vivendas en Vigo e Cangas. “Na cidade de Vigo xa non temos vivendas, de aí a importancia de que o goberno local se adherise ao Programa de vivendas baleiras da Xunta”, insistiu López-Chaves, quen rematou sinalando que a “implicación” da Xunta coas persoas máis vulnerables “é total”.











