publicidade hoxe

A Xunta convoca aos propietarios dos terreos afectados polo novo acceso á Cidade da Cultura

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSantiago de Compostela
A-
A+

A Consellería de Infraestruturas e Vivenda publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a resolución pola que se convoca para os vindeiros días 19 e 20 de abril os titulares de terreos afectados polas obras de construción dun novo enlace no p.q. 70 da AP-9, na cidade de Santiago, para o levantamento de actas previas á ocupación.

Os propietarios dos terreos afectados deberán achegarse os vindeiros 19 e 20 de abril, entre as 10.30 e as 13.30 horas, á Casa das Asociacións (antiga estación de Cornes), achegando os documentos acreditativos da súa titularidade, documento nacional de identidade e o último recibo da contribución.

Estas obras, que afectarán a 97 fincas situadas no Concello de Santiago, executaranse en base o convenio selado entre a Xunta e o Ministerio de Fomento. O proxecto suporá unha mellora importante da mobilidade dos veciños de Santiago ao dispoñer dunha comunicación máis directa desde a autoestrada, que tamén favorecerá o acceso a outros equipamentos como o Multiusos do Sar.

Esta actuación contribuirá a desconxestionar a circulación na AP-9, aliviando o intenso tráfico que rexistran os accesos á cidade nesa autoestrada xa que funciona como circunvalación libre de peaxe.

O proxecto supón o impulso definitivo a unha nova infraestrutura que dotará a Compostela dun novo enlace coa AP-9, incidindo na mellora da competitividade, ao acrecentar o potencial turístico da cidade e reforzar o protagonismo de Santiago como capital turística de Galicia por excelencia.

22 de marzo de 2017 | 16:52 • Sen comentarios

Comentarios pechados.