publicidade hoxe

A Xunta convoca aos propietarios dos terreos afectados pola execución da variante de Aradas e do novo acceso á Cidade da Cultura

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSantiago de Compostela
A-
A+

A Consellería de Infraestruturas e Vivenda convoca os propietarios dos terreos afectados polas obras de execución da variante de Aradas e do novo acceso á Cidade da Cultura, dende a AP-9, para o pagamento dos depósitos previos e o levantamento de actas previas á ocupación, respectivamente.

Por unha parte, os titulares dos bens afectados pola execución da variante de Aradas deberán acudir o vindeiro 4 de abril, entre as 9 e as 11 horas, ao centro sociocultural de Vite, onde se realizará o pago dos depósitos previos.

Con esta actuación uns 3.300 vehículos, dos que a metade son pesados, que a día de hoxe teñen que entrar en Santiago por Vite para vir ao Tambre, poderán facelo pola nova variante, que contará con 1,6 km e un investimento duns 6,3 millóns de euros.

Trátase dunha vía que vai contribuír ao incremento da actividade deste polígono industrial, á súa competitividade, e á xeración de emprego e riqueza nesta cidade. Esta infraestrutura suporá unha mellora da seguridade viaria e da calidade de vida de moitos veciños composteláns que verán cómo miles de vehículos deixan de pasar polas súas rúas.

Por outra parte, os propietarios dos terreos afectados pola construción do novo acceso á Cidade da Cultura, dende a AP-9, deberán achegarse os vindeiros 19 e 20 de abril, entre ás 10.30 e as 13.30 horas, á Casa das Asociacións (antiga estación de Cornes), na que se realizará o levantamento de actas previas á ocupación.

Estas obras, que afectarán a 97 fincas situadas no Concello de Santiago, executaranse en base o convenio selado entre a Xunta e o Ministerio de Fomento. O proxecto suporá unha mellora importante da mobilidade dos veciños de Santiago ao dispoñer dunha comunicación máis directa desde a autoestrada, que tamén favorecerá o acceso a outros equipamentos como o Multiusos do Sar.

Esta actuación contribuirá a desconxestionar a circulación na AP-9, aliviando o intenso tráfico que rexistran os accesos á cidade nesa autoestrada xa que funciona como circunvalación libre de peaxe.

14 de marzo de 2017 | 18:37 • Sen comentarios

Comentarios pechados.