publicidade hoxe

A Xunta apoia ao sector vitivinícola na presentación do salón profesional do viño de Ferrol

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaFerrolLocal Portada
A-
A+
Rey Varela participa na presentación do Salón Profesional do Viño de Ferrol. Foto: X. Crespo

Rey Varela participa na presentación do Salón Profesional do Viño de Ferrol. Foto: X. Crespo

O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, participou hoxe na presentación do Salón Profesional do Viño de Ferrol (Fevino), un evento que se celebrará os días 3 e 4 de abril no Museo da construción naval da cidade departamental e que conta co respaldo da Xunta de Galicia.

O titular autonómico destacou que o sector vitivinícola é fundamental en Galicia, non só polo produto en si mesmo, senón pola cultura, a tradición e o valor medioambiental vinculado a esta actividade. Así mesmo, engadiu que a Xunta de Galicia apoia a internacionalización e promoción exterior dos nosos viños, que “presentan dous valores engadidos moi prezados como son a calidade e a vinculación co territorio, por iso teñen unha personalidade especial que os fai únicos e inconfundibles”, explicou Rey Varela.

Cómpre destacar que as 5 denominacións de orixe galegas implican a uns 16.000 viticultores e 460 adegas, que comercializan arredor de 387.000 hectolitros de viño ao ano, cun valor en orixe que se sitúa nos 180 millóns de euros. Ademais, o sector incrementou nun 104% as exportacións entre as campañas 2008-2009 e 2014-2015. O conselleiro explicou que isto é froito do esforzo e dedicación dos viticultores, adegueiros e empresas en xeral, “pero de pouco serviría se non houbera foros como Fevino que permiten facer unha axeitada promoción desta excelencia, competindo ademais con viños doutras procedencias”.

Así mesmo, Rey Varela agradeceu a Deuva e Ponte da Boga “que manteñan viva a súa aposta por Ferrol e por Galicia, que se sitúa xa como un referente neste campo coa participación de 200 adegas”. Fevino contribúe á dinamización do sector hostaleiro, ao ofrecer a oportunidade de degustar viños elaborados por personalidades do deporte, da música ou do cine recoñecidas a nivel internacional.

O conselleiro amosou o seu desexo de que esta nova edición de Fevino, sexa “por lo menos igual de exitosa que as anteriores, e espero que sirva para relanzar aínda máis un sector vital para a nosa economía e para a proxección internacional de Galicia”, concluíu.

29 de marzo de 2017 | 16:51 • Sen comentarios

Comentarios pechados.