publicidade hoxe

A Xunta adxudica o contrato dos estudos de alternativas para mellorar a liña ferroviaria Ferrol-A Coruña

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaA CoruñaFerrol
A-
A+

A Consellería de Infraestruturas e Vivenda, a través da Dirección Xeral de Mobilidade, formalizou hoxe o contrato dos estudos de alternativas existentes para a mellora da liña de ferrocarril entre Ferrol e A Coruña. A empresa seleccionada para a realización deste traballo é Proyfe, que dispón dun período de 6 meses para a elaboración dos estudos e a súa entrega á Xunta de Galicia.

O obxectivo desta iniciativa do Goberno galego é dispoñer dun coñecemento exhaustivo do funcionamento do servizo ferroviario entre Ferrol e A Coruña e as posibilidades de actuación para mellorar a súa modernización, mellorando a súa funcionalidade e competitividade.

A mellora do funcionamento da liña ferroviaria entre A Coruña e Ferrol forma parte da axenda de asuntos prioritarios trasladados pola Xunta de Galicia ao Ministerio de Fomento, que se comprometeu a abordar a cuestión conxuntamente co Goberno galego.

En concreto, os estudos que realizará a Consellería de Infraestruturas e Vivenda consisten na realización dunha análise dos desprazamentos actuais dos cidadáns a través do corredor A Coruña-Ferrol e da súa mellora a través de determinadas actuacións que poidan servir para optimizar os tempos de percorrido.

Máis polo miúdo, os traballos suporán a análise e estudo das infraestruturas ferroviarias e o seu trazado para mellorar significativamente tanto os servizos de viaxeiros como os de mercadorías sobre a liña actual.

En relación ao transporte de viaxeiros estudaranse as variantes que permitan incrementar a velocidade de operación, conseguindo tempos de viaxe máis baixos que os actuais e competitivos cos que actualmente se poden conseguir desprazándose pola estrada. No que se refire ás mercadorías, estudarase o aumento das cargas máximas que poida remolcar calquera locomotora que circule pola liña, coa fin de favorecer a intermodalidade ferroportuaria e mellorar a oferta de transporte de mercadorías na zona urbana Ártabra.

Esta análise tamén inclúe unha comparativa de tempos de percorrido actuais nas liñas de transporte público regular no corredor A Coruña- Ferrol e futuros coas propostas plantexadas, así como unha avaliación das sinerxias existentes entre o transporte por ferrocarril e estrada e viceversa para optimizar a mobilidade nesta zona.

20 de marzo de 2017 | 17:05 • Sen comentarios

Comentarios pechados.