publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A TIC apoia a festa de recreación castrexo-romana Friulio que se celebra o 25 e 26 de marzo en Friol

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioFriolLugo
A-
A+

A Fundación TIC apoia o primeiro Friulio, o encontro de asociacións de recreación castrexa e romana que se celebra o 25 e 26 de marzo en Friol con motivo dos 25 anos da Feira do Queixo e Pan de Ousá. O patrón da TIC e Deputado de Relacións Institucionais, Álvaro Santos, e o presidente da Asociación de Recreación Histórica de Friol A Castronela, organizadora da festa, Manuel Ángel Fernández Díaz, asinaron este venres un convenio de colaboración nun acto que tivo lugar no Museo de San Paio de Narla da Deputación.

Álvaro Santos anunciou que “a TIC gravará o encontro e elaborará diversas reportaxes para contribuír á difusión do primeiro Friulio así como á promoción dunha das citas gastronómicas máis importantes da provincia, que nesta edición cumpre as súas vodas de prata. Con esta festa o municipio de Friol suma un novo atractivo para os visitantes e pon en valor a nosa historia e as nosas orixes, coa recreación dos modos de vida, costumes e crenzas das culturas castrexa e romana”.

“A Castronela súmase ás organizacións sen ánimo de lucro de toda a provincia coas que colabora a Fundación TIC. Son xa máis de 170 asociacións de índole social, cultural ou deportiva, entre outras, coas que traballamos para dar unha maior difusión as súas actividades e contribuír ao importante labor que desenvolven a prol da sociedade lucenses”, engadiu Santos.

21 asociacións no Friulio

Friulio -que debe ao seu nome á suma de Fri de Friol e ulio do mítico Monte Medulio, onde transcorreu a batalla dos últimos guerreiros galaicos, cántabros e astures- reunirá a un total de 21 asociacións, entre elas, as organizacións culturais de Friol e 15 de Lugo vinculadas principalmente ao Arde Lucus. Ademais, unha das actuacións máis destacadas correrá a cargo da Asociación “Tierra quemada” de Soria, que recreará un enterro celtíbero con explicacións dun dos arqueólogos de Numancia.

As actividades desenvolveranse en torno ao paso fluvial. O poboado castrexo estará nun extremo e o campamento romano noutro. Recrearanse desfiles, escaramuzas e un asedio. Ademais, haberá obradoiros de coiro, fiado, gastronomía castrexa ou moedas e escritura, así como xogos destinados principalmente aos nenos. Tamén se mostrará a elaboración do pan que utilizaban as milicias romanas nos seus desprazamentos.

Asociación familiar

A Castronela naceu hai dous anos da man dun grupo de friolenses que estaban integrados en diversas asociacións culturais e de recreación histórica. Neste momento conta cuns 90 socios, dos que un terzo son mulleres, outro homes e un terceiro, nenos. Considéranse, por tanto, unha asociación familiar que ten entre os seus principais obxectivos implicar aos cativos nas actividades para darlles a coñecer a historia do Concello e da provincia.

23 de marzo de 2017 | 17:57 • Sen comentarios

Comentarios pechados.