publicidade hoxe

A provincia de Ourense recicla máis de 4.000 toneladas de vidro en 2016

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOurense
A-
A+

Ao longo de 2016 cada ourensán reciclou case 13 quilos de residuos de envases de vidro, un 0,60 por cento máis que no ano anterior. Así, no conxunto provincial os cidadáns reciclaron 4.041 toneladas de residuos de envases de vidro a través do depósito nos contedores verdes ao longo do ano pasado.

Estas cifras reflicten que a provincia ourensá ten mellorado os seus datos relativos á recollida deste tipo de residuos, comparados coas cifras rexistradas en 2015. Segundo a delegada territorial da Xunta de Galicia en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, unha das razóns deste incremento débese -en boa medida- á maior concienciación cidadá sobre os beneficios que reporta ao medio ambiente o feito de reciclar este tipo de residuos, dándolles unha segunda vida. Para favorecer a colaboración cidadá, incrementouse un 12,4% o parque de contedores ata acadar as 1993 unidades; o que sitúa a ratio de contenerización nun contedor por cada 185 habitantes, un dato superior á media nacional (1/220 hab).

Carballeda de Avia, Xunqueira de Espadanedo, Allariz e Nogueira de Ramuín son os concellos da provincia con mellores resultados superando os 30 Kg/h. Pola contra, Punxín, chandrexa de Queixa, Carballeda de Valdeorras e Montederramo son os municipios que arraxan peores cifras na taxa de reciclaxe xa que non superan os 2 Kg/h.

Ante estas cifras, Díaz Mouteira indica que Ourense cómpre mellorar, aínda máis, os seus resultados, e medrar a taxa de reciclaxe avanzando cara unha sociedade na que prime a economía circular. Así, a delegada territorial fai un chamamento á concienciación e ao compromiso da cidadanía para que “xuntos, cidadáns e Administracións, afiancemos e demos pasiños adiante no traballo desenvolvido ata o de agora contribuíndo a facer un mundo mellor, máis verde, máis sustentable e máis ecolóxico”. Con este obxectivo, Marisol Díaz sinalou a necesidade de seguir impulsando iniciativas e actividades que axuden a reciclar o 100% dos residuos de envases de vidro.

Ao mesmo tempo, a máxima representante do Goberno galego en Ourense anima aos ourensáns a practicar a estratexia das tres erres (redución, reutilización e reciclaxe) e invítaos a consumir de xeito responsable e producindo o menor dos lixos, aproveitando os produtos e alongando a súa vida útil e dándolle una nova vida a moitos deses produtos grazas á reciclaxe, ao tempo que se respecta o medio ambiente.

Datos a nivel Galicia

Segundo os datos facilitados por Ecovidrio -unha entidade sen ánimo de lucro encargada do reciclado de vidro en España- durante o 2016 en Galicia xestionáronse máis de 157 millóns de envases, o que equivale a unha media de 58 envases por cidadán.

A Dirección xeral de Calidade Ambiental, pertencente á Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, considera que as cifras indican que Galicia avanza na boa senda da reciclaxe e outro aspecto importante a destacar é a calidade da recollida selectiva, que presenta uns bos resultados. Esta fracción presenta baixos niveis de porcentaxe de impropios, os cales, desde 2011, mantivéronse estables ao redor do 5,75 – 5,82%. Esta é a segunda fracción coa porcentaxe de impropios máis baixa, só superada polos resultados acadados pola fracción de papel-cartón (1,82%).

28 de marzo de 2017 | 16:50 • Sen comentarios

Comentarios pechados.