A provincia de Lugo reciclou o ano pasado un 12% máis de vidro, ata superar en total as 4.800 toneladas
Ao longo de 2016 cada lucense reciclou 14,3 quilos de residuos de envases de vidro, ata alcanzar en total as 4.804 toneladas, o que supón un incremento do 12,12% con respecto ás cifras acadadas o ano anterior.
O delegado territorial da Xunta, José Manuel Balseiro, deu a coñecer os datos e salientou que esta evolución positiva é froito dun esforzo conxunto da sociedade, “que se amosa cada vez máis concienciada da necesidade de camiñar cara a un futuro sostible dende o punto de vista ambiental e económico”.
Para favorecer a colaboración cidadá, incrementouse en preto dun 3% o parque de contedores ata acadar as 2.157 unidades; o que sitúa a ratio de contenerización nun contedor por cada 156 habitantes, un dato superior á media galega (1/185 habitantes) e nacional (1/220 hab).
Cómpre lembrar que na actualidade, todos os concellos galegos están adheridos ao Convenio marco asinado no 2013 entre a Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio e Ecovidrio, entidade sen ánimo de lucro que xestiona o proceso. Durante aquel exercicio recolléronse na provincia lucense 4.121 toneladas de vidro, o que significa que nas tres anualidades seguintes experimentamos un incremento na taxa de reciclaxe do 16,5%.
O delegado territorial lembrou que a reciclaxe de vidro é un elemento clave na loita polo cambio climático. Neste sentido, explicou que no conxunto da Comunidade Autónoma os galegos depositaron nos contedores verdes máis de 157 millóns de envases de vidro o pasado ano. Con este dato, lograron:
– Minimizar a emisión de 27.000 toneladas de CO2, o que equivale a retirar 6.700 coches da estrada durante un ano.
– Evitar a extracción de 49.500 toneladas de materias primas, o que representa cinco veces o peso da torre Eiffel.
– Un aforro de 91.600 MWh de enerxía.
Estes resultados son unha gran noticia para a sociedade galega, que consolida un hábito sustentable e responsable e, por encima de todo, para o medio ambiente e a loita contra o cambio climático. As cifras demostran a eficacia do modelo colector, pero pese ao positivo dos datos, a Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, traballa xa na maneira de incrementar aínda máis estas cifras no presente exercicio 2017 pois o obxectivo é seguir medrando, avanzando cara unha sociedade na que prime a economía circular.











