A Deputación promove nos seus centros “maxia pola igualdade”
A Biblioteca Provincial, o IES Puga Ramón e o Centro de Día de menores de Ferrol acollen o espectáculo de Fani Triana arredor do día 8 de marzo, Día das Mulleres, acompañada do ilusionista Martín Camiña. A primeira das actuacións será o día 7 na Biblioteca da Deputación na Coruña ás 17:00 horas.
O espectáculo, que se programa arredor do 8 de marzo, Día das Mulleres, conta como a protagonista chega a casa despois dunha xornada longa de actividades. Como acontece no caso das mulleres, o traballo non remata co fin do horario laboral senón que se inician outras tarefas nunha dobre xornada ás veces interminábel.
A ilusionista creará fantasías coa louza da cociña, vasoiras, roupas, panos, mobiliario do salón, e rematará facendo unha mostra de forza, a mesma que durante tanto tempo levan mostrando as mulleres a favor da loita pola igualdade.
O espectáculo protagonizado por Fani Triana está de xira por diversos concellos e forma tamén parte da Rede Cultural da Deputación da Coruña.











