A Deputación ofrece charlas informativas sobre o programa Erasmus
Europe Direct A Coruña, o centro oficial de información da Comisión Europea pertencente á Deputación da Coruña, impartirá diversas charlas en centros educativos da provincia sobre o programa de intercambio europeo Erasmus+.
O obxectivo desta acción formativa, denominada “tUEuropa: #Erasmus30”, é conmemorar os trinta anos da creación do programa Erasmus e informar aos estudantes sobre as diversas oportunidades e accións que se ofrecen desde a Unión Europea, en materia de educación, xuventude e deportes.
As charlas desenvolveranse entre marzo e xuño de maneira totalmente gratuíta para os centros educativos que as soliciten. Terán unha duración de 50 minutos, nos que se incluirán unha presentación xenérica sobre as institucións europeas, unha panorámica das opcións formativas e laborais do programa Erasmus e as súas vantaxes, así coma proxeccións de material audiovisual.
Estas formacións están recomendadas para alumnos de segundo e terceiro curso da ESO, así coma unha versión bilingüe en inglés para os estudantes de cuarto da ESO e Bacharelato.
Os centros interesados deberán cubrir o formulario de solicitude, que se pode descargar na páxina web de Europe Direct A Coruña, e remitilo ao enderezo europedirect@dicoruna.es.