publicidade hoxe

A Deputación da Coruña sinaliza os recursos turísticos do Concello de Ortigueira

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaOrtigueira
A-
A+

A Deputación da Coruña, a través do seu Plan de Acción Social (PAS), financia un proxecto para sinalizar os recursos turísticos do concello de Ortigueira, que sae hoxe a licitación por un total de 30.092 euros.

Con esta inversión, a Deputación pretende fomentar o turismo no concello e na comarca de Ortegal en xeral, favorecendo a difusión de puntos de interese patrimoniais e naturais, a través de diversos paneis e sinais que se situarán en parroquias pouco habitadas e en pistas que actualmente carecen de indicacións.

Entre os lugares onde se situarán as novas sinalizacións, atópase a zona do Picón e os diferentes sendeiros que vertebran a costa de Loiba, unindo os miradoiros, as praias e o coñecido coma “mellor banco do mundo”.

Esta área ten un atractivo crecente para os turistas, sobre todo durante a época estival, que agora se verá fomentado grazas a carteis que difundirán diversos puntos de interese e mellorarán a ordenación do tráfico.

Co obxectivo de favorecer o acceso aos núcleos de vivendas do rural, tamén se completará a sinalización dos lugares de San Adrián, Peago, Viñán e Serantes, na parroquia de San Adrián; Os Muíños, na parroquia de Mera, e Carballo de Boi e A Rocha, en San Claudio.

Información sobre o patrimonio cultural

Doutra banda, os fondos provinciais financian a colocación de placas murais de metacrilato, con textos informativos sobre o sobre o patrimonio cultural e etnográfico do concello e a súa historia. A maioría destas sinalizacións situaranse na parroquia de Ortigueira, en puntos coma o Museo Ortegalia, o Muíño do Vento, o Teatro de Beneficencia, o Conxunto Conventual, a praza de Isabel II, a biblioteca municipal, a rúa Real e os Cantón, o Barrio do Ponto, o Hospital de San Roque, a antiga Cárcere e o Macelo municipal.

De igual modo, colocaranse placas e monolitos en conxuntos patrimoniais de diversas parroquias, coma o Santuario de Portas en Deveso, a Garita da Vela en Espasante, o Muíño de Mareas en Senra e as feiras de San Claudio, Mera e Loiba.

Así mesmo, instalaranse sinais indicativas para potenciar as visitas ao recentemente recuperado Castelo do Casón, e ás zonas de interese próximas do Pozo de Inferno e a Cascada do Casón, todas elas situadas na parroquia de San Adrián.

20 de marzo de 2017 | 17:13 • Sen comentarios

Comentarios pechados.