A Deputación da Coruña mellorará a sinalización dos itinerarios ciclistas en estradas provinciais

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, recibiu esta mañá no seu despacho da institución provincial ao presidente da Asociación de Ciclistas Crunia, Roberto Rilo. Á reunión asistiu tamén o deputado provincial e concelleiro de Mobilidade Sostible da cidade da Coruña, Daniel Díaz Grandío.

Durante a reunión, estudouse a proposta plantexada polo colectivo ciclista coruñés de dotar ás estradas provinciais máis transitadas por ciclistas dunha sinalización especial que advirta aos conductores da presenza habitual de ciclistas no vial e lembre a obriga de deixar unha distancia mínima de 1,5 metros nos adiantamentos.

González Formoso lembrou que a Deputación xa ten instalado este tipo de sinalización nalgunhas estradas provinciais e considerou interesante “retomar o proxecto” e “impulsar a súa extensión a outros puntos da rede viaria provincial que os ciclistas usan habitualmente nos seus desprazamentos, co obxecto de mellorar a seguridade”, polo que remitiu o proxecto da Asociación de Ciclistas Crunia ao departamento de Vías e Obras para o seu estudo por parte dos técnicos.

Dende a asociación ciclista coruñesa entenden que este tipo de iniciativas axudan a incrementar a seguridade ao lembrar aos conductores de vehículos a motor a obriga de respectar a distancia de seguridade nos adiantamentos.

Estradas das comarcas de Coruña, Santiago e Ferrol

Entre as estradas nas que a entidade solicita reforzar a sinalización atópanse fundamentalmente viais das comarcas da Coruña, Santiago e Ferrol, empregadas frecuentemente por ciclistas nos seus itinerarios como a estrada de Carral a Montouto, de Sada a Espírito Santo, de Cambre a Carral, de Oleiros a Pravio ou de Perbes a Campolongo na comarca coruñesa. As estradas propostas na comarca ferrolana son a de Perlío a Lavandeira, a de Valdoviño a Cerdido, a de Ortigueira ás Pontes, a de Xuvia á Praia da Frouxeira ou a que da acceso á praia de Cabanas, entre outras. Na área de Compostela, as estradas de Sigüeiro a San Amaro ou de Ordes a Pontecarreira son algunhas das máis transitadas polos usuarios de bicicletas, fundamentalmente durante as fins de semana.

29 de marzo de 2017 | 17:20 • Sen comentarios

Comentarios pechados.