publicidade hoxe

A Deputación da Coruña investirá 460.800 euros na ampliación da estrada DP406 de Melide a As Pías por Toques

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaMelideToques
A-
A+

A Deputación da Coruña investirá 460.800 euros na ampliación dun tramo da estrada DP4604 de Melide ás Pías por Toques. En concreto, actuarase no treito comprendido entre os núcleos de A Cabana (Toques) e Pereiras (Melide), co obxectivo de mellorar a seguridade viaria, eliminando as curvas perigosas para a circulación.

Estas obras enmárcanse dentro da primeira fase do Plan de Investimento en Vías Provinciais 2017, dotado cun presuposto total de 2.498.180 euros, e que será sometido á aprobación do Pleno que se celebrará o vindeiro 31 de marzo.

Con este investimento, a Deputación pretende continuar mellorando as prestacións e aumentando o ancho das estradas de titularidade provincial, que conforman unha rede de máis de 2.000 quilómetros.

No caso da DP4604, que actualmente conta cun ancho de vía de 7 metros, acondicionarase unha explanada de 12 metros, para albergar unha estrada de 9 metros máis unha gabia de seguridade.
Deste modo, poderase mellorar o trazado reducindo a sinuosidade das curvas e aumentando a visibilidade nos xiros pechados. Esta nova plataforma afirmarase con rego de adherencia e de imprimación e 35 centímetros de zahorra artificial. Para os camiños de servizo, a pavimentación consistirá nun dobre tratamento superficial sobre unha capa de 10 centímetros de grava.

Para garantir a correcta evacuación das augas pluviais e o mantemento da vía, a Deputación tamén executará un novo sistema de drenaxe, que incluirá un foxo, un colector e varias arquetas.

Por último, colocaranse as sinalizacións horizontais, verticais e balizamento necesario para a correcta ordenación do tráfico.

29 de marzo de 2017 | 17:18 • Sen comentarios

Comentarios pechados.