A Deputación da Coruña destina 200.000 euros para renovar o campo de fútbol e rugby da USC
O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, asinou hoxe un convenio de colaboración co reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Juan Viaño, mediante o cal a institución provincial financia con 200.000 euros as obras de acondicionamento do campo de fútbol e rugby do Campus Sur.
González Formoso e Viaño coincidiron en subliñar a estreita colaboración que manteñen ambas as dúas institucións dende hai tempo, tanto no apartado educativo co apoio a programas como Estalmat ou a Escola de Práctica Xurídica, coma en cuestións que benefician ao conxunto da sociedade como o estudo da vespa velutina que desenvolven especialistas da institución académica compostelá co apoio financeiro da Deputación da Coruña.
O convenio asinado hoxe permitirá a renovación completa do campo utilizado para a práctica de rugby e fútbol, incluíndo o pavimentado da área de xogo e a colocación dunha capa de céspede artificial de última xeración de 65 milímetros de altura, especialmente adaptado para a práctica destes deportes.
Para unha maior protección do perímetro, instalaranse redes recollebalóns de seis metros de altura nos fondos do campo. Naquelas zonas onde non existe muro de peche, procederase á colocación de varandas de aluminio que delimitarán as zonas de acceso ao campo.
Así mesmo, instalarase un novo sistema de rego que estará composto por seis aspersores programables que se alimentarán por medio dun depósito conectado tanto á rede de saneamento como á de fontanería. Tamén se mellorará o sistema de saneamento, executando dous canais de drenaxe que disporán de pozos de rexistro, situados a ambos os dous lados do campo, percorrendo todo o perímetro
Os traballos de acondicionamento inclúen tamén a renovación do alumeado do campo, que consistirá na instalación de varias torres de iluminación de 20 metros de altura e de sete proxectores de alta eficiencia enerxética.
Reparación da bancada
Na zona das bancadas, procederase á reparación dunha parte da súa cuberta, mediante a construción dunha estrutura lixeira de aceiro, composta por pórticos de aceiro con seis metros, que servirán de soporte.
A Deputación, co obxectivo de impulsar a práctica deportiva, quere contribuír con esta achega a mellorar estas instalacións, destinadas principalmente aos usuarios dos clubs de fútbol e rugby que adestran e compiten na USC.
Na actualidade, as ligas universitarias masculinas e femininas de fútbol e rugby contan cun total de 67 equipos, 1.321 deportistas e 7 árbitros. Coa rehabilitación destas infraestruturas fomentarase a participación dos mozos e mozas nestas agrupacións deportivas.











