publicidade hoxe

A Deputación da Coruña colabora cos concellos de Laxe e Ponteceso na promoción turística de recursos patrimoniais

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLaxePonteceso
A-
A+

A pedra da Serpe en Ponteceso e o muíño de vento de Laxe, foron os dous elementos patrimoniais que visitou o deputado de Cooperación, Plans Provinciais, Asistencia a Municipios, Turismo e Patrimonio Histórico, Xosé Regueira, para estudar as vías de colaboración na súa promoción como recursos turísticos. O deputado, que participou en diversas reunións nos dous concellos, confirmou tamén o seu apoio ao programa ReLAXEse que está a ter unha moi boa acollida.

Ao longo de toda a xornada, o deputado Xosé Regueira, xunto con persoal técnico da Deputación de Asistencia a Municipios, visitou distintos espazos dos concellos de Ponteceso e Laxe co fin de estudar as vías de colaboración en proxectos de recuperación patrimonial e promoción turística.

En Ponteceso, Regueira estudou as posibilidades de protección da contorna da pedra da Serpe para o que o Concello, a través do Concelleiro de Patrimonio, Carlos Penedo, presente na xuntanza, solicitou asesoramento da Deputación da Coruña. O proxecto de Ponteceso diríxese á posibilidade de replantear a estrada e crear un espazo interpretativo sobre os petróglifos par o que solicita colaboración da Deputación co fin de crear as bases para unha maior divulgación do patrimonio do concello. A seguir, estudáronse as obras previstas par o acondicionamento da Praza do Recheo.

Xa no Concello de Laxe, o deputado Xosé Regueira mantivo unha xuntanza co alcalde, Lois Carballido, e diversos membros do seu goberno co fin de abordar, entre outros temas, a recuperación do muíño do vento que se sitúa no entorno da capela de Santa Rosa, unha das poucas construcións desta modelo de arquitectura tradicional na zona, até hai pouco en funcionamento.

A visita ao Museo do Mar de Laxe, financiado con fondos da Deputación, foi a última cita nunha xornada na que se analizou tamén o desenvolvemento do programa ReLAXEse que, segundo transmitiron desde os membros do goberno municipal, está a ter unha gran acollida con unha boa participación de xente. A Deputación mostrou a súa vontade de apoiar a iniciativa e os distintos recursos turísticos do Concello.

21 de marzo de 2017 | 17:27 • Sen comentarios

Comentarios pechados.