A Deputación da Coruña anuncia un investimento de 221.840 euros para ampliar a estrada de Tarreo do Blanco a Vilamateo
O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, anunciou hoxe en Vilarmaior que vén de firmar a resolución para sacar a licitación as obras da estrada DP3903 de Tarreo do Blanco a Vilamateo, por Ambroa.
A institución provincial destina un total de 221.840 euros a estes traballos, que consistirán no ensanche da vía e a construción de beirarrúas, co obxectivo de mellorar a seguridade viaria. A ampliación da plataforma aproveitarase para construír tamén varios aparcamentos de 2 metros de ancho. Así mesmo, urbanizarase a zona e colocaranse luminarias, ademais de executar muros de contención e terrapléns para garantir a seguridade tanto dos viandantes como dos vehículos.
O presidente provincial fixo este anuncio durante a súa visita ao concello de Vilarmaior, que se enmarca dentro da rolda que está a facer polos municipios da provincia. González Formoso reuniuse co alcalde, Carlos Vázquez Quintián, e interesouse polo estado das obras e proxectos que se están a realizar no municipio con fondos provinciais.
Neste sentido, o presidente puxo en valor “a importancia que ten a Deputación para apoiar aos pequenos concellos na realización de investimentos que melloren os servizos e infraestruturas municipais” e manifestou que, grazas á utilización de criterios obxectivos que benefician ás zonas máis rurais, o novo “Plan Único permitirá ao concello de Vilarmaior realizar obras e atender ás demandas da veciñanza”. Neste concello, o novo Plan Único destina 312.910 euros para o ano 2017.
Con estes fondos, financiarase a renovación do firme e o saneado de cunetas nos viais Goimil-Gulfín, Liñares, Millarengo e Gulfín-O Monte, ademais da ampliación da rede de saneamento en Rieiro, na parroquia de Doroña.
A Deputación tamén apoia a xeración de emprego en Vilarmaior, a través do Plan de Emprego Local (PEL), que permitiu aumentar o importe destinado a esta materia de 7.650 euros no 2015 a un total de 19.000 euros. A este esforzo inversor, súmanse as novas liñas de axudas para a contratación e a adquisición de material nas empresas, que se outorgarán en función de criterios obxectivos que tamén beneficiarán aos concellos máis rurais e menos poboados, como Vilarmaior.