publicidade hoxe

A Deputación da Coruña acolle unha reunión para reactivar o proxecto de Vía Verde entre Santiago e Cerceda

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaCercedaSantiago de Compostela
A-
A+

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, reuniuse no seu despacho da institución provincial cos alcaldes de Santiago, Martiño Noriega; Oroso, Manuel Mirás, e Cerceda, José García Liñares; e coa tenente alcalde do Concello de Tordoia, Inés Santos, para abordar a reactivación do proxecto de construción da Vía Verde, un itinerario de sendeirismo e cicloturismo de 36,9 quilómetros sobre a antiga liña do ferrocarril que une os municipios de Santiago, Oroso, Ordes, Tordoia e Cerceda. Á reunión asistiron tamén o concelleiro de Medio Ambiente compostelán, Xan Duro, e os deputados provinciais Manuel Dios e Antonio Leira, responsable da área de Economía e Facenda da institución provincial.

A Vía Verde é unha marca rexistrada en 1994 pola Fundación dos Ferrocarriles Españoles para designar itinerarios que discorren sobre antigas infraestruturas ferroviarias. En España existen actualmente máis de 2.500 quilómetros de vías de tren en desuso que foron reconvertidas en sendeiros sostibles para uso peonil.

Durante o encontro, que os asistentes cualificaron de “cordial e produtivo”, os alcaldes repasaron a historia do proxecto, que xurdiu en 2008 coa idea de unir Santiago, Oroso e Ordes mediante unha Vía Verde que conectaría os tres municipios, ao que posteriormente se incorporaron Tordoia e Cerceda; polo que o percorrido plantexado contaría cunha lonxitude total de 36,9 quilómetros dos que 12,6 discorrerían por Compostela, 5,8 por Oroso, 8,1 por Ordes, 2,5 por Tordoia e 7,9 por Cerceda.

Gran potencial turístico e ambiental

O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, considerou o proxecto “interesante polo seu gran potencial turístico e ambiental” e “polo retorno económico que tería para os concellos da zona, xa que contribuiría a promocionar o turismo sostible na área”. Neste sentido, o presidente comprometeuse a estudar vías de colaboración da Deputación tanto desde o punto de vista técnico como de financiamento do vial, unha vez que o proxecto estea actualizado e se coñeza o investimento a realizar.

Dado que o proxecto orixinal só abarcaba parte dos municipios implicados, na reunión decidiuse contactar coa Fundación dos Ferrocarriles Españoles para actualizalo tanto no seu trazado como no seu presuposto.

A posta en marcha desta iniciativa depende, entre outras cuestións, de que ADIF permita a utilización dos terreos, xa que o sendeiro discorre sobre as antigas vías do tren que son da súa titularidade. Neste sentido, algúns concellos como Santiago e Oroso, que xa mantiveron contactos tanto co administrador de infraestruturas ferroviarias como co Ministerio de Fomento e teñen estes trámites nun estado moi avanzado.

Outro dos asuntos abordados na reunión foi a fórmula xurídica que se empregará para pór en marcha o proxecto, que podería articularse a través dun convenio de colaboración entre os cinco concellos implicados, co obxecto de axilizar ao máximo a tramitación; así como o financiamento do mesmo, xa que podería incluir a participación de varias administracións.

Os asistentes decidiron manter unha nova reunión avanzar nos trámites en cada un dos concellos, e plantexar un borrador conxunto de convenio para o desenvolvemento do proxecto, así como contactar coa Fundación Española do Ferrocarril para levar a cabo a actualización do proxecto técnico, partindo do proxecto orixinal elaborado en 2008.

14 de marzo de 2017 | 19:09 • Sen comentarios

Comentarios pechados.