publicidade hoxe

A Consellería de Medio Rural impulsa a reestruturación parcelaria en Friol con preto de mil hectáreas agrarias xa concentradas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFriol
A-
A+

A Consellería do Medio Rural está a impulsar a reestruturación parcelaria en Friol, de acordo cos veciños e as autoridades municipais deste concello lugués. O departamento que dirixe Ángeles Vázquez traballa na zona de San Xoán de Seoane da Pregación, elaborando os documentos previos necesarios para que este proceso de concentración poida ser declarado de utilidade pública. Este é un trámite preciso para continuar coa devandita reestruturación.

No termo municipal de Friol están xa rematados tres procesos. Trátase dos correspondentes ás zonas de Burgo de Negral, con 571 hectáreas e 95 propietarios; Gándara-Fraga de Carballo, con 93 ha e 6 propietarios e Marcela-Silvela, con 282 ha e 27 propietarios. Así pois, a superficie total concentrada neste concello acada case as mil hectáreas de terreo, con 128 propietarios.

Estes procesos de reestruturación son fundamentais para a posta en valor da terra agraria e para dotar de servizos ao rural, mellorando sensiblemente as comunicacións e o acceso aos predios. Dende o comezo desta lexislatura, Medio Rural iniciou en toda Galicia traballos de infraestruturas rurais correspondentes a 18 zonas (18.000 ha e 14.000 propietarios) e traballa co obxectivo de pechar no ano 2020 os 130 procesos abertos de reestruturación parcelaria, que afectan a 117.000 hectáreas e a preto de 92.000 propietarios, así como de iniciar outros novos.

8 de marzo de 2017 | 16:25 • Sen comentarios

Comentarios pechados.