Xunta, Ministerio de Fomento e Concello da Coruña alcanzan un principio de acordo para o impulso da estación intermodal
A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, a directora xeral de Mobilidade, Helena de Lucas, o alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, e o secretario general de Infraestructuras do Ministerio de Fomento, Manuel Niño, mantiveron hoxe un novo encontro no que se alcanzou un principio de acordo para o impulso da estación intermodal da cidade herculina.
Así mesmo, aprobouse que sexa o Concello da Coruña o que financie as obras do aparcadoiro da estación intermodal de San Cristóbal, polo que como compensación reservaranse unhas 70 prazas para residentes, para que poidan ser empregadas polos veciños da zona, algo importante ao ter en conta que son varios os edificios desta contorna que non dispoñen de prazas de garaxe. O Concello será o responsable da explotación do citado aparcadoiro durante un período que está pendente de determinar.
O Ministerio de Fomento remitirá á Xunta e ao Concello unha proposta de convenio nun prazo de 15 días, que, unha vez pechado, será asinado polas tres Administracións.
Outro dos puntos acordados consiste na necesidade de unificación e encaixe dos proxectos para iniciar a tramitación urbanística express, a través da Lei aprobada polo Goberno galego para impulsar actuacións urxentes ou de especial interese público. Este procedemento permitirá recuperar tempo para poñer a intermodal da Coruña á altura doutras terminais máis avanzadas, no que a tramitación se refire.
Vázquez Mourelle explicou que o obxectivo prioritario é que todos os coruñeses teñan unha estación que proporcione plena intermodalidade entre os distintos modos de transporte, ao integrar nun único espazo as terminais de autobús e ferrocarril, facilitando o tránsito e os desprazamentos dos viaxeiros.
A titular de Infraestruturas subliñou que a Xunta está comprometida coa construción da nova estación de autobuses mediante un investimento duns 10 millóns de euros. Concretou que neste momento o proxecto da nova terminal e o aparcadoiro xa está en fase de redacción.