Xunta e Aspanaex renovan o obxectivo común de seguir avanzando no benestar das persoas con discapacidade intelectual e das súas familias
O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, mantivo esta mañá no seu despacho de San Caetano unha reunión de traballo con representantes da Asociación a prol das Persoas con Discapacidade Intelectual da provincia de Pontevedra (Aspanaex), entre eles o presidente José Manuel Carballo Cabezas. Esta entrevista enmárcase na rolda de encontros e visitas a entidades que dende o primeiro día está a desenvolver o titular da carteira autonómica de Política Social e, neste caso, a xuntanza contou tamén coa participación da directora xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, Fabiola García Martínez.
Rey Varela salientou o importante labor que están a facer en toda Galicia entidades como Aspanaex para mellorar a calidade de vida das persoas con discapacidade intelectual e das súas familias. E, ao fío disto, apuntou que dende o Goberno galego “compartimos con todas elas un obxectivo fundamental como é contribuír para que as persoas con distintas capacidades e as súas familias teñan atendidas as súas necesidades e poidan levar a cabo unha vida coas menores limitacións posibles nunha sociedade que debe ser cada vez máis integradora”.
Pola súa banda, Aspanaex informou ao conselleiro do proxecto para a futura construción dunha residencia para a atención á discapacidade en Coia. Deste xeito, a entidade detallou as fases e o número de prazas coas que contará a infraestrutura, para a que Rey Varela comprometeu a colaboración da Xunta de Galicia.
O responsable da área social do Goberno galego recordou que a administración autonómica ten un total de 91 prazas concertadas nos diferentes servizos que ofrece Aspanaex. Estas prazas distribúense do seguinte xeito: 29 no centro de día, 57 no centro ocupacional e 5 na vivenda comunitaria. En total, a Consellería de Política Social destina 791.973 euros ao financiamento destes recursos.