publicidade hoxe

Xornada informativa sobre cláusulas chan en Foz

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFoz
A-
A+

A campaña informativa posta en marcha pola Xunta, a través da Consellería de Economía, Emprego e Industria, para informar aos consumidores sobre a última sentenza relativa ás cláusulas chan e o procedemento extraxudicial activado polo Goberno central volverá de novo este xoves, 9 de febreiro, neste caso á localidade de Foz.

A casa da Cultura acollerá este encontro, que contará coa participación do delegado territorial, José Manuel Balseiro, e técnicos do Servizo de Consumo da Consellería de Economía, Emprego e Industria, que explicarán os pasos que deben seguir os afectados para facer efectiva a súa reclamación ante as entidades financeiras. A xuntanza comezará ás 20 horas.

O obxectivo desta iniciativa é prestar información e asesoramento gratuíto ás persoas que se viron afectadas por estas cláusulas. José Manuel Balseiro convida a todos os veciños e veciñas da comarca a achegarse e resolver as dúbidas que poidan ter.

A través destas charlas, a Xunta indica a usuarios e consumidores que teñen a súa disposición todos os medios cos que conta a Administración autonómica para que poidan reclamar ante as entidades bancarias a devolución do diñeiro cobrado indebidamente a través das cláusulas chan abusivas.

Para facilitar o acceso a toda a información que precisan, tamén están publicadas na web de Consumo as instrucións sobre como proceder para reclamar ante as entidades financeiras. Ademais, os cidadáns poden recibir información e asesoramento nas oficinas do Instituto Galego de Consumo e da Competencia, a través do teléfono gratuíto 900 231 123, así como nas oficinas municipais de información ao consumidor (OMIC) e nas asociacións de consumidores e usuarios de Galicia

7 de febreiro de 2017 | 17:10 • Sen comentarios

Comentarios pechados.