publicidade hoxe

Un total de 40 parellas participaron no torneo de pádel Concello de Ames

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAmesDeportes
A-
A+
Torneo de pádel en Ames

Torneo de pádel en Ames

Este pasado sábado disputouse nas instalacións de Let Pádel Ames o primeiro torneo de pádel Concello de Ames, onde participaron 40 parellas (80 persoas) divididas nas categorías masculina, feminina e mixta. Dende a organización fan balance deste torneo e indican que foi un éxito polo número de inscricións, o nivel de xogo e a diversión e bo ambiente que houbo entre os participantes. Trátase da primeira edición dun torneo organizado por Let Pádel Ames e mailo Concello de Ames co obxectivo de fomentar este deporte que cada vez ten máis adeptos. O concelleiro de Urbanismo, Obras públicas e Servizos Básicos, asistiu ao acto de entrega de premios.

Este torneo disputouse na modalidade masculina, feminina e mixta. En total, participaron 40 parellas (80 persoas). Na categoría masculina houbo tres niveis de xogo, mentres que nas categorías feminina e mixta houbo un nivel. O 70% dos participantes estiveron encadrados dentro da categoría masculina, mentres que o 30% restante dividiuse entre as categorías feminina e mixta. As persoas inscritas xogaron polo menos tres partidos dun set na fase de grupo e dispuxeron de bolas, auga, froita, cátering e seguro médico. 

Na primeira división da categoría masculina os gañadores foron Sito del Rio e Suso Rial; na segunda división gañaron Santi Mata e Álvaro Arginielas, mentres que na terceira división desta mesma categoría os vendedores foron Juan Manuel Camaño e Ángel Salido. Nesta categoría cómpre destacar a participación de Oriol Junyent, ex-xogador do obradoiro CAB, que participou formando parella con Óscar Rama. Na categoría feminina as gañadoras foron Lola Sánchez e Maruxa Bugallo. Por último, na categoría mixta gañaron Laura Rodríguez e Roberto Vieites. 

Os campións da categoría masculina e o participante masculino da categoría mixta levaron un trofeo, un bono de gasolina e unha equipación de Softee, mentres que a campioa da categoría feminina e a gañadora feminina da categoría mixta levaron un trofeo e un conxunto Naffta. Ademais, os finalistas (masculinos e femininos) foron obsequiados cun conxunto de produtos de perruquería ICON. Ademais, só por participar cada participante contou cun desconto na tenda de informática ZonaPC.

Ao final do torneo, servíronse uns petiscos onde todos os participantes puideron compartir experiencias sobre este evento deportivo e realizouse un sorteo de ceas, comidas, dunha táblet, dun bolso artesán, dun curso de baile/pilates e dun teléfono móbil. Cómpre destacar que o 90% dos patrocinadores deste torneo foron establecementos de Ames. 

O xerente de Let Pádel Ames, Miguel Martínez de Orense explicou que “a través da mistura de competición, pádel, ambiente, xogadores/as, amigos/as, familia, premios, sorteos, pinchos, patrocinadores… conseguiuse como resultado un divertido Torneo de Pádel que agardamos que sexa o primeiro de moitos no concello de Ames”. Ademais, destacou que “este evento deportivo foi un éxito polo número de inscricións, o nivel de xogo e polo bo ambiente que houbo entre os participantes”. Por último resaltou que o obxectivo foi que “a veciñanza de Ames puidera xogar ao pádel e fomentar a práctica deste deporte”.

7 de febreiro de 2017 | 17:47 • Sen comentarios

Comentarios pechados.