publicidade hoxe

Un mosense de 17 anos proclámase Campión Galego de Ciclismo de Carretera

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesDeportes PortadaMos
A-
A+

Esta tarde celebrouse o acto de recepción a Íñigo Rodríguez Beltrán, Campión Galego de Ciclismo de Carretera 2016 (gañador do Open Galego, medalla de ouro en Crono e prata en Fondo) e Mellor Corredor Galego Junior 2016. A recepción celebrouse ás 19.00 horas no salón de sesións do Concello de Mos coa presencia de Nidia Arévalo, alcaldesa de Mos, Alberto Méndez Lago, tenente alcalde e concelleiro de Deportes de Mos; por suposto do homenaxeado, Íñigo Rodríguez Beltrán, Campión Galego de Ciclismo de Carretera 2016 e de Juan Carlos Muñiz, presidente da Federación Galega de Ciclismo e vocal da Federación Española de Ciclismo, Marcos Serrano, primeiro adestrador de Íñigo Rodríguez e ex profesional do ciclismo, David Abal, segundo adestrador de Íñigo Rodríguez e ex profesional do ciclismo; e demais membros da Corporación Municipal mosense.

Íñigo, veciño da parroquia de Tameiga e de 17 anos de idade, compite na categoría Junior e leva dende o ano 2014 facendo podio no Campionato Galego de Ciclismo de Carretera. E tamén dende o ano 2015 ven sendo Campión do Ranking Galego.

No 2014 foi o primeiro ano que participou no Campionato Galego, acadando a medalla de prata en Crono e a de bronce en Fondo. No 2015 fixo ouro en Crono e prata en Fondo. E no 2016 gañou o Open Galego e fixo ouro en Crono e prata en Fondo. Así mesmo, Rodríguez Beltrán situouse décimo no Ranking Nacional a pesar de ter competido tan só nalgunhas probas. 

Tamén foi elixido Mellor Corredor Galego Junior, tanto no 2015 coma no 2016. O galardón do ano 2016 recibiuno precisamente nun acto celebrado en Padrón fai tan só quince días.

Íñigo Rodríguez corre na Selección Galega de Ciclismo e adéstrao Marcos Serrano. O ciclista de Tameiga ten entre os seus obxectivos a curto prazo o Mundial que se celebrará en Noruega en outono e no que quere participar. Tamén se plantexa con opcións de podio o Campionato de España 2017. 

A rexedora local mosense e o tenente alcalde e edil Deportes, Arévalo e Méndez respectivamente, destacaron “a valía deste rapaz que compaxina os seus estudos no IES de Mos co ciclismo de élite e os duros adestramentos e xornadas fóra da casa que isto implica”. Apuntaron que “é todo un exemplo de esforzo e superación para a mocidade do noso municipio”. “E desexámoslle que estes sexan tan só os primeiros dunha longa carreira de éxitos deportivos”, concluíron.

 

20 de febreiro de 2017 | 18:15 • Sen comentarios

Comentarios pechados.