publicidade hoxe

Un grupo de estudantes realiza prácticas na viña experimental dos Chancís

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSober
A-
A+
Traballos nos viñedos

Traballos nos viñedos

O Goberno local do Concello de Sober alcanzou un acordo de colaboración co IES O Ribeiro para que os alumnos e alumnas poidan desenvolver as súas practicas relacionadas coa viticultura na viña experimental dos Chancís, de propiedade municipal.

O alcalde, Luis Fernández Guitián, agradece este convenio que permite cumprir cun dos obxectivos esenciais da viña e que sirva así como un espazo experimental no que practicar e do que obter interesantes resultados sobre as nosas variedades vitivinícolas. 

Esta mesma semana 22 alumnos e alumnas e tres profesores desprazáronse ata a viña experimental dos Chancís onde están a facer podas en cordón simple e dobre e guyot. Un dos mestres, José Antonio Cortiñas, explica ademais que están a gardar varas podadas para volver no mes de maio e poder enxertalas nos bravos dos socalcos. En concreto, farán enxertos de herbácea leñosa e verde-verde.

Os alumnos forman parte de 1º do ciclo medio de aceites de oliva e viños e de 1º do ciclo superior de vitivinicultura, todos eles do módulo de viticultura do IES de Ribadavia. Teñen idades comprendidas entre os 18 e os cincuenta anos.

Impresionados coa paisaxe

O profesorado valora a experiencia como “moi positiva” e “interesante” para os alumnos, posto que os sistemas de condución e poda son moi diferentes con respecto aos que existen no ribeiro, de onde proceden os alumnos. “Permítenos ampliar coñecementos sobre a agricultura heroica e ver as diferenzas coa nosa zona e ademais están encantados coa impresionante paisaxe”, resume Cortiñas, quen engade que está a ser unha experiencia “moi enriquecedora”.

Os alumnos e alumnas que traballan na viña experimental dos Chancís, acondicionada por un obradoiro municipal, ocúpanse das tarefas máis técnicas. A partir de agora e ata o mes de maio será a auxiliar de viticultura coa que conta o Concello a que fará os tratamentos fitosanitarios correspondentes e as labores de mantemento. En maio volverán a Sober para seguir coas súas prácticas e facer os enxertos.

8 de febreiro de 2017 | 16:25 • Sen comentarios

Comentarios pechados.