Sober celebrará o día grande do Entroido o 25 de febreiro
O Concello de Sober xa ten ultimados todos os actos para a celebración do Entroido deste ano 2017. O día grande da festividade será o sábado 25 de febreiro, que contará co desfile dunha gran comparsa polas rúas da localidade. Nela participarán integrantes da Banda de Música, alumnos da Escola Municipal de Música, os nenos e nenas do PAI, os alumnos e alumnas do CEIP Plurilingüe Virxe do Carme e veciños e veciñas de Sober.
Ao longo de toda a tarde haberá animación, música e xogos para todos os públicos e un concurso de disfraces con premios para nenos e adultos.
Ao remate destas actividades celebrarase o tradicional baile da Cachucha, que xa vai pola XI edición,e seguirase desfrutando do Entroido cunha degustación gratuíta de cachucha, pan do país e viño de Amandi.
Inicio do Entroido
Aínda que o día grande do Entroido en Sober será o sábado día 25, a festividade na localidade iníciase xa o día 16, co Xoves de Compadres.Ademais, o venres 17, os máis pequenos pasarano en grande nunha edición especial das Merendas con Contos que contará cun obradoiro de Comades e Compadres para celebrar as datas festivas.
O programa de actos continuará o xoves, día 23, cando se celebrará o Xoves de Comadres. E o venres 24 tocaralle a quenda aos máis pequenos do municipio cun desfile dos alumnos e alumnas dos CEIP Plurilingüe Virxe do Carme e do PAI de Sober polas rúas da localidade.
Certame de Coplas
O Concello de Sober tamén convoca este ano a III edición do Certame de Coplas de Entroido, dado o éxito das anteriores convocatorias. Os traballos deberán conter carga crítica, pero sempre dentro do respecto, e terán que facer referencia a acontecementos da actualidade, sobre todo municipal. A finalidade deste certame é que se poña de manifesto, de xeito crítico e humorístico, os feitos sucedidos durante o ano.
Tanto as Coplas de Comadres como as de Compadres deberán ser entregadas na Biblioteca do Concello de Sober. O prazo de presentación de ambas será ata o mércores 15 de febreiro. Haberá premios para os tres mellores traballos valorados en 200 euros, 100 euros e 50 euros respectivamente. A entrega de galardóns farase coincidindo co XI Baile da Cachucha, o 25 de febreiro.
O alcalde de Sober, Luis Fernández Guitián, animou a todos os veciños e veciñas a participar neste certame “así como a gozar do resto de actividades dirixidas a todos os públicos, coas que dende o Concello queremos festexar o Entroido da mellor maneira posible”.