publicidade hoxe

Salceda de Caselas reclama melloras para o Centro de Valoración de Discapacitados

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSalceda de Caselas
A-
A+

O Pleno da Corporación Municipal de Salceda de Caselas, en reunión ordinaria, aprobou por unanimidade a moción presentada por Movemento Salceda solicitando melloras no servizo que presta o Centro de Valoración de Discapacitados ubicado na Rúa Conde de Torrecedeira de Vigo, dependente da Xefatura Territorial da Consellería de Política Social da Xunta de Galicia.

Tal como expuxo no Pleno a Concelleira de Benestar Social, Tere Pérez, no Centro realízanse as valoracións de persoas de calquera idade, con deficiencias permanentes non recuperables, de toda a zona sur da provincia de Pontevedra, atendendo tamén as solicitudes dos veciños e veciñas de Salceda de Caselas. Tan só por medio dos servizos sociais municipais, no ano 2016 solicitáronse 218 valoracións, ás que hai que sumarlles as realizadas dende o Centro de Saúde, dende as empresas ou directamente polas persoas afectadas.

A realidade é que a maioría dos casos presentados agardan máis dun ano pola valoración, xerando situacións de graves atrasos á hora de solicitar prazas en centros especiais, axudas… Extremadamente graves resultan os casos en que a persoa solicitante falece antes de conseguir a valoración da súa discapacidade, feito que se segue a producir polas enormes listas de espera do servizo.

Son moitas as persoas afectadas que levan trasladado o seu malestar nos servizos sociais do Concello, polo que o Equipo de Goberno de Salceda (Movemento Salceda) decidiu levar a demanda a Pleno, acadando o apoio dos dous grupos da oposición (PP e PSOE).

Tere Pérez, Concelleira de Benestar Social: “A Xefatura Territorial da Consellería de Política Social debe buscar solucións a esta grave situación, xa sexa aumentando o número de equipos de valoración ou con calquera outra fórmula que permita eliminar as largas esperas que sufren actualmente as persoas solicitantes da valoración de discapacidade. Non é de recibo que situacións tan delicadas teñan que sufrir estas longuísimas esperas”.

20 de febreiro de 2017 | 18:08 • Sen comentarios

Comentarios pechados.