publicidade hoxe

Rehabilítanse as escolas unitarias de Dodro, nas que estudan 56 nenos do municipio

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaDodro
A-
A+

O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, realizou hoxe unha visita ao concello de Dodro, dentro da rolda que está a realizar polos municipios da provincia para escoitar as súas demandas.

O presidente provincial foi recibido á súa chegada ao municipio polo alcalde de Dodro, Valentín Alfonsín Somoza, e membros da corporación local, cos que mantivo unha reunión na que se abordaron temas coma os novos plans propostos polo goberno provincial.

Neste sentido, Valentín Alfonsín agradeceu a visita do presidente e a colaboración da institución provincial co concello, a través do Plan Único POS+ e do Plan de Emprego Local (PEL), “que vemos como algo moi positivo para o noso concello”, afirmou. Co novo PEL, Dodro pasou de recibir 7.500 euros a 31.000, o que permitiu contratar a cinco traballadores para desenvolver tarefas municipais.

Pola súa banda, González Formoso destacou que a inversión da Deputación en Dodro permitiu mellorar numerosas dotacións e servizos públicos do concello, coma o acondicionamento de diversos viais en lugares coma Castro-Sur, Revixós, Eiró ou Chan de Currais, ou as obras que acaban de rematar nas escolas unitarias de Lestrove, Vigo, Chenlo e Bexo e nas áreas recreativas de Tallós e Rialiño.

Mellora das instalacións nas que estudan 56 nenos

Tras esta reunión, Valentín González Formoso e Valentín Alfonsín desprazáronse ata a escola unitaria de Lestrove, para comprobar o resultado das obras na escola unitaria, na que estudan 7 nenos da contorna.

A Deputación investiu 68.000 euros na rehabilitación deste centro e dos de Chenlo, Vigo e Bexo, co obxectivo de mellorar as condicións nas que estudan un total de 56 rapaces de zonas rurais do concello de Dodro.

Estes traballos centráronse no acondicionamento das aulas, que sufrían dende hai tempo carencias coma a falta de illamento. Para elo, substituíronse as ventás e colocáronse contraventás de aluminio. Tamén se aplicou un revestimento exterior nas fachadas de todos os centros, a base de morteiro hidráulico e illamento térmico con pranchas de poliestireno expandido, garantindo así a salubridade no interior do centro e un uso eficiente da enerxía utilizada para calefactar as aulas, co consecuente aforro de custos. Asemade, os fondos provinciais sufragaron o sistema de calefacción, o pintado dos espazos interiores e a substitución de elementos danados coma as persianas dalgúns dos centros.

No caso do centro de Lestrove, foi necesaria a renovación das baixantes e do canalón da fachada principal, eliminando así futuros problemas de humidades. E en Vigo, Chenlo e Bexo, acometéronse tamén reparacións nos aseos, coma a substitucións das cisternas, as tapas dos inodoros ou a renovación de lavabos.

Así mesmo, o centro educativo de Chenlo conta cun novo radiador, instalado tras modificar as proteccións no cadro eléctrico, garantindo así a seguridade da instalación e a mellora da eficiencia enerxética.

Pola súa banda, a escola de Bexo dotouse de 8 novos puntos de luz e dunha porta de acceso, en aluminio lacado en cor branca, instalada sobre unha nova soleira. As obras neste centro remataron coa formación dun chanzo para favorecer o acceso ao parque infantil.

Durante a visita, González Formoso departiu coas profesoras e cos pequenos do centro de Lestrove sobre as melloras que experimentou a escola e considerou que as obras “son un bó exemplo da mellora de infraestruturas sociais da provincia” nas que inviste a Deputación a través do PAS.

Humanización das áreas recreativas en Tallóns e Rialiño

O presidente da Deputación e o alcalde de Dodro visitaron tamén as novas áreas recreativas que a institución provincial financiou a través do Plan de Acción Social nos lugares de Tallós e Rialiño, na parroquia de Laíño, co obxectivo de completar a oferta de ocio ao aire libre para os cativos de ambos núcleos rurais e da contorna.

O novo parque de Tallós, que se sitúa nas inmediacións da Casa do Concello, conta cun balancín e un xogo múltiple con dous tobogáns, recomendados para nenos de entre 2 e 14 anos, instalados sobre pavimento de seguridade en caucho continuo. A área de xogos tamén dispón de catro bancos e dun valado de madeira pintado de cores que protexe o perímetro.

Para habilitar a zona, foi necesario o levantamento dos antigos bordos de granito e a execución dunha soleira de formigón, cunha lixeira pendente cara o exterior para facilitar o desaugadoiro das augas pluviais.

En canto ao área recreativa de Rialiño, as obras incluíron a nivelación a parcela e a plantación de céspede. Posteriormente, construíuse un novo camiño de catro metros de ancho para favorecer o acceso á zona.

Tras acondicionar a parcela, pechouse mediante un valado de madeira tratada e colocáronse os xogos infantís, que consisten nun balancín dunha praza, unha escaleira oscilante horizontal e un multixogo con dous tobogáns, adaptados para nenos de entre 1 e 12 anos.

Os dous novos parques contan con paneis informativos, nos que se indican as recomendacións de uso dos xogos e os teléfonos e enderezos aos que acudir en caso de emerxencia.

En total, a creación destes dous novos parques supón un investimento de máis de 88.200 euros por parte da Deputación

16 de febreiro de 2017 | 17:27 • Sen comentarios

Comentarios pechados.