publicidade hoxe

Porto de Vigo e Concello de Redondela estudan melloras nos accesos por estrada á zona portuaria

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaRedondelaVigo
A-
A+

Os accesos por estrada para os transportistas que diariamente cobren a ruta comprendida entre o Concello de Redondela e o Porto de Vigo convertéronse nun verdadeiro cabalo de batalla para os encargados de transportar mercadorías entre ambas as localidades.

Tanto é así que Porto e Concello de Redondela traballan xa co obxectivo de estudar posibles solucións a un problema que vén de lonxe. Unha situación que, esta mesma mañá, puxeron sobre a mesa o Presidente da Autoridade Portuaria de Vigo, Enrique César López Veiga, e o Alcalde de Redondela, Javier Bas.

Trátase dunha primeira toma de contacto entre ambas as administracións ante o que consideran “un problema moi grave” e de difícil solución. Con todo, López Veiga e Bas consideran factible mellorar os accesos por estrada a zona portuaria “sen afectar os plans de desenvolvemento urbanístico e de convivencia dos redondelanos”, asegurou o rexedor.

A Autoridade Portuaria de Vigo traballa desde hai meses no deseño da súa planificación portuaria. Partindo do concepto de “Crecemento Azul” ou “Blue Growth”, o equipo que dirixe Enrique López Veiga pretende analizar a situación actual do Porto no seu conxunto, definir os obxectivos estratéxicos, os criterios de actuación e o plan de acción, ou o que é o mesmo, elaborar un novo Plan Estratéxico, xa que o vixente data do ano 2002 e, a pesar de ser actualizado no 2006, só contempla a zona de servizo até A Guía e exclúe a Redondela, Vilaboa, Moaña e Cangas.

Tras esa análise -que está a piques de concluír-, definiranse as necesidades de desenvolvemento futuras a través dun novo Plan Director de Infraestruturas do que, actualmente, só se dispón dun borrador do ano 2009, e, en base aos anteriores estudos, optarase por ordenar a zona de servizo do Porto, garantindo así unha eficiente explotación do mesmo, o que suporá a elaboración dun novo Plan Especial que, segundo subliña o Presidente portuario, “deberá ser moi coidadoso”.

Para o máximo responsable portuario, é imprescindible que estes plans inclúan a totalidade da área do Porto de Vigo, é dicir, os 5 concellos polos que discorre a zona de dominio público portuario, isto é: Vigo, Redondela, Vilaboa, Moaña e Cangas. “Cada concello deberá estudar o relativo a este plan, que será sempre froito do consenso”, asegurou López Veiga.

E é que a intención do Presidente portuario é a de, en primeiro lugar, lograr o máximo consenso posible e, posteriormente, redactar os plans e iniciar o trámite administrativo. Para iso, é necesario abrir un amplo período de consultas cos usuarios, concellos implicados e administracións competentes, xa que se precisa da colaboración de todos na elaboración destes documentos de planificación. 

Tal e como se acordou na reunión do último Consello de Administración, nos próximos días manterase un encontro con responsables do Concello de Vigo con este mesmo obxectivo, ao que seguirán o resto de Concellos implicados.

Outros asuntos de interese

Durante o seu encontro, López Veiga e Javier Bas tamén analizaron o papel dos peaxes aos que debe facer fronte o tráfico pesado no tramo da autoestrada AP-9 entre Vigo e Redondela e que supón un elevado custo para os transportistas ao non existir alternativa viaria. Tanto para López Veiga como para Bas, “a peaxe non ten razón de ser; é un problema e hai que buscar unha solución con vistas á súa eliminación”, tal e como demandan empresarios e transportistas.

Así mesmo, o Presidente portuario e o Alcalde de Redondela mostraron “moito interese” pola zona de Meirande e, neste sentido, apostaron por uns “accesos dignos” e un aparcadoiro en condicións, compaxinando, por unha banda, a actividade portuaria da zona co lecer dos redondelanos. 

Para iso, ambos os mandatarios comprometéronse a traballar de xeito conxunto entre administracións no que consideran un “proceso aberto de cooperación e transparencia, na procura dun consenso amplo”. 

O Plan de Empresa da Autoridade Portuaria de Vigo contempla xa unha partida de 1,5 millóns para mellorar o acceso terrestre á súa zona de servizo en Rande, concretamente, no antigo cargadero de mineral. Esta actuación servirá para mellorar a conexión entre as concesións que existen na zona garantindo, ao mesmo tempo, un óptimo acceso ao Centro de Interpretación da Batalla de Rande.

2 de febreiro de 2017 | 18:17 • Sen comentarios

Comentarios pechados.