publicidade hoxe

Política Social ten entre as súas prioridades a plena participación na sociedade das persoas con máis dificultades

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPorto do Son
A-
A+
Fabiola García na presentación do plan de accesibilidade

Fabiola García na presentación do plan de accesibilidade

A directora xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, Fabiola García Martínez, sinalou hoxe que “o benestar da cidadanía e a erradicación dos obstáculos que impiden a plena participación na sociedade das persoas con máis dificultades constitúen un dos piares esencias da política social do Goberno galego”. Así o dixo durante a presentación dun plan de mellora da accesibilidade nas vilas de Porto do Son e Portosín que elaborou a Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI). O acto tivo lugar nas dependencias da Casa do Concello e contou tamén coa participación do alcalde de Porto do Son, Luis Oujo Pouso, e do presidente de COGAMI, Anxo Queiruga.

O documento analiza a situación actual de accesibilidade das principais rúas, espazos públicos e edificios de servizos destes núcleos urbanos, así como as posibles actuacións que habería que acometer para mellorala. Este informe está realizado por un equipo técnico formado por dous arquitectos e dúas persoas expertas en accesibilidade de COGAMI, que durante catro meses analizaron sobre o terreo tanto as rúas como os edificios e espazos públicos do concello e, ademais, contaron coa colaboración de entidades sociais, empresariais, técnicos municipais de urbanismo e axentes locais de seguridade cidadá.

Na súa intervención, Fabiola García salientou que a mellora da accesibilidade nos distintos ámbitos é un obxectivo común ás administracións e para o que veñen realizando esforzos nos últimos tempos. A esta finalidade responden diferentes accións do Goberno autonómico como a Estratexia Galega sobre Discapacidade 2015-2020, que conta entre os seus eixes prioritarios a accesibilidade universal e o deseño de espazos e servizos para toda a cidadanía, ou a Lei de accesibilidade de Galicia, en vigor dende marzo do ano pasado.

Nesta liña, a directora xeral avogou pola necesidade de considerar a accesibilidade universal como un principio transversal na práctica cotiá das administracións, de tal xeito que esta se teña en conta na elaboración e aplicación de normativas, na contratación pública, nos servizos públicos, así como á hora de planificar todos os espazos nos que conviven as persoas, e que como persoas teñen diferentes condicións persoais: maiores, persoas con discapacidade, mulleres embarazadas… “Trátase de asegurar deste xeito que calquera persoa poida acceder aos contornos físico, social, económico, político e cultural, e poida exercer plenamente os seus dereitos e liberdades fundamentais”, explicou.

Por último, Fabiola García felicitou a COGAMI e ao concello de Porto do Son por este estudo sobre accesibilidade que “ven a reafirmar o compromiso que teñen en mellorar a calidade de vida de toda a súa veciñanza, así como a súa aposta por un contorno accesible para todas as persoas”. E neste sentido, reiterou o compromiso do goberno da Xunta en avanzar na accesibilidade universal de produtos, servizos, comunicacións e contornos públicos de modo que sexan utilizables por todas as persoas en condicións de seguridade, comodidade e da forma máis autónoma posible porque “vai en beneficio de toda a poboación, con independencia das súas capacidades”, concluíu.

Análise de rúas, edificios e zonas públicas
O plan de mellora de accesibilidade feito por COGAMI para o concello de Porto do Son analiza nas súas máis de 900 páxinas as rúas que comunican con edificios públicos e zonas de uso habitual, como son o centro de saúde ou o centro social. Así mesmo, tamén pasa revista ao estado dos principais inmobles municipais: a Casa da Cultura, a Escola de Música, a Casa do Concello, o mercado e a igrexa e cemiterio de San Vicente de Noal, así como a Casa da Cultura da parroquia de Baroña e o centro de saúde da parroquia de Noal.

Os arquitectos deste documento, Alejandro Rodríguez e Diego Piñeiro, explicaron diante de dous planos dos núcleos urbanos de Porto do Son e Portosín como se desenvolveu o estudo e cales foron os criterios que guiaron a súa elaboración. O informe estima que o orzamento necesario para acometer as intervencións recollidas ascende a un total de 399.000 euros.

1 de febreiro de 2017 | 17:21 • Sen comentarios

Comentarios pechados.