publicidade hoxe

Palas de Rei recibiu o 4% das axudas da Xunta para a incorporación de xóvenes e plans de mellora na provincia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPalas de Rei
A-
A+

Palas de Rei recibiu arredor do 4% das axudas aprobadas por Medio Rural na provincia de Lugo durante o ano 2016 para incorporación de mozos á actividade agraria e para plans de mellora das súas explotacións. En total, neste concello aprobáronse 16 expedientes, que supuxeron a achega de 1,14 millóns de euros por parte da Consellería. No conxunto da provincia autorizáronse en total 548 expedientes nestas dúas liñas de axuda, por un importe total que supera os 26 millóns de euros.

Estes datos foron analizados esta tarde na xuntanza de traballo mantida pola conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, co alcalde de Palas de Rei, Pablo Taboada. Este encontro serviu para avaliar estas cifras e para estudar, en xeral, a situación e perspectivas de futuro do agro neste concello lugués.

A conselleira explicoulle ao alcalde que estas achegas teñen como obxectivo fundamental dinamizar o tecido económico e social do agro, fomentando a remuda xeracional nas explotacións e procurando a súa maior competitividade, a través de diversas melloras na súa xestión.

Ademais, nesta xuntanza ambos trataron diferentes iniciativas que capitanea a consellería relacionadas coa mellora de infraestruturas e, nomeadamente, de camiños rurais. Neste sentido, o departamento que dirixe Ángeles Vázquez investiu o pasado ano algo máis de 171.000 euros en diversas actuacións dentro dos plans Marco e de emerxencias. Estas obras permitiron actuar en diferentes viais nas zonas de Saa, Penela, Lestedo e Lamaboa, dentro do plan de rexeneración de camiños (plan de emerxencias), e nos accesos a Curuxás, Vilafofe e San Miguel de Coence, no que atinxe ao plan Marco.

Ademais de abordar estes asuntos, a conselleira e o rexedor municipal trataron tamén outros aspectos relacionados coa mellora das condicións de vida da poboación rural e a dinamización do agro neste concello, no que o sector do vacún de leite ten un peso destacado. Ángeles Vázquez animou ao alcalde a traballar a prol da mellora xeral deste eido produtivo, incidindo en especial no fomento do asociacionismo e a agrupación dos gandeiros en figuras como as sociedades ou cooperativas, co fin de reforzar o sector.

13 de febreiro de 2017 | 19:40 • Sen comentarios

Comentarios pechados.