Ourense recolle en Santiago o premio á segunda cidade máis transparente de Galicia
O alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, acudiu esta mañá, na Facultade de Dereito da Universidade de Santiago de Compostela, á xornada ‘La transparencia pública en Galicia’, onde a cidade de Ourense recolleu o premio á segunda cidade máis transparente de Galicia, só por detrás das de A Coruña e Pontevedra, que empatan no primeiro lugar. O rexedor participou nunha mesa redonda sobre a “Transparencia Municipal en Galicia”, na que destacou que concibe o desenvolvemento da transparencia “coma unha nova oportunidade para estreitar relacións entre os cidadáns e a súa administración, así como un instrumento do Bo Goberno e da Boa Administración”.
Vázquez Abad agradeceu o premio entregado á cidade de Ourense, pero deixou claro que “cando se trata de falar de transparencia non estamos descubrindo nada novo: a transparencia non debe ser o mero cumprimento dunha lei concreta, senón unha actitude para establecer as mellores relacións cos veciños”, dixo.
O alcalde tamén puxo en valor a importancia da colaboración entre administracións para o desenvolvemento da transparencia, sobre todo “tendo en conta as dificultades que temos os concellos medianos no que a recursos humanos se refire”, comentou Jesús Vázquez, “cunha lei estatal que impide actualmente as contratacións”. Finalmente, o rexedor ourensán salientou que “poñer en marcha e visibilizar a transparencia conleva un esforzo que moitas veces non se ve”, afirmou.