Ourense en Común traslada ao pleno as reivindicacións sobre o PERI das veciñas de Seixalbo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOurense
A-
A+

Recollendo as reivindicacións das veciñas do núcleo de Seixalbo, reunidas onte de urxencia en asemblea, Ourense en Común solicitaba esta mañá que se adíe a aprobación definitiva do Plan Especial de Reforma Interior deste núcleo, previsto inicialmente para este venres, pedindo ademais a convocatoria dunha xunta de portavoces para atender de forma consensuada as lexítimas demandas das veciñas sen que entren en contradición coa necesaria aprobación deste documento de planeamento e xestión urbanística.

A razón fundamental é que, malia a compartir a finalidade deste documento de xestión estratéxica, que pretende un desenvolvemento sostible e respectuoso co patrimonio do núcleo, “o PERI non debe limitar os servizos básicos diarios que a propia veciñanza pode precisar“.

Na súa redacción actual, o texto non define se calquera veciña de Seixalbo pode hoxe mesmo contratar unha liña de fibra óptica para navegar por internet. “Comprendemos, e as veciñas comprenden e queren, que as acometidas cheguen soterradas, pero namentres non exista ese plan de soterramento debe existir unha disposición transitoria que atenda ás súas necesidades. É unha cuestión de equidade e proporcionalidade, non pode ser que a veciñanza de Seixalbo teña máis limitacións que a veciñanza que vive no centro histórico de Ourense ou incluso no centro histórico de Santiago de Compostela”.

1 de febreiro de 2017 | 12:18 • Sen comentarios

Comentarios pechados.