publicidade hoxe

Os parques, xardíns e zonas infantís da Coruña permanecen pechados por mor do temporal

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

Os equipos de emerxencias do Concello teñen activado o dispositivo especial polo temporal que desde a pasada noite e durante os próximos días afectará á cidade, con especial incidencia na zona litoral, e polo que a Xunta ten decretada a alerta vermella no mar por fenómenos costeiros, con ondas que poden chegar aos nove metros, e alerta de nivel laranxa por ventos de ata 110 quilómetros por hora. Xa desde onte permanecen precintados os parques, xardíns e zonas infantís da cidade, como son: Santa Margarita, praza do Libro, praza Torrente Ballester, paseo das Pontes, San Pedro de Mezonzo, xardíns de Sagrada Familia e do depósito de auga de Emalcsa (no Ventorrillo), Barrio das Flores, Ponte da Pedra, Casares Quiroga, xardíns de Méndez Núñez, Campo da Leña, Campo de Marte, Xardíns do Cemiterio Inglés (Orillamar), a zona verde e o parque infantil das Xubias, a praza de Concepción Arenal, praza de Azcárraga e xardíns de San Carlos, e tamén mantense pechada a porta principal do cemiterio de San Amaro e precintados os seus olmos. Igualmente, no día de hoxe, permanecerán pechadas ao público as instalacións da Torre de Hércules e o seu centro de interpretación, a Casa das Ciencias e as instalacións exteriores da Casa dos Peixes, e, do mesmo xeito, os accesos ás distintas praias da cidade están restrinxidos ao público, para evitar situacións de perigo.

Nestas primeiras horas, os corpos de seguridade e prevención –Policía Local, Bombeiros e Protección Civil– apenas tiveron que atender incidencias, unicamente tres pequenas intervencións por mor do vento durante a pasada noite: un cartel publicitario que houbo que suxeitar, unha chapa caída e unha árbore que presentaba risco, por situarse preto dunha gardería, no Ventorrillo, pero que non causou ningún dano. Na noite de onte, tampouco foi necesario pechar en ningún momento o Paseo Marítimo. En previsión dos posibles efectos que poida ter a borrasca na zona do Paseo, o Concello ten preparado desde primeira hora desta mañá un dispositivo específico para as horas de preamar, conformado por un retén con dous tractores, dous camións cisterna e catro barredoras, e cun equipo profesional de 14 persoas, de cara a realizar posibles limpezas de calzada. Por outra banda, e como consecuencia dos fortes ventos previstos para estas xornadas, os camións grúa de recollida de lixo non poderán saír durante esta noite, de xeito que só poderán actuar vehículos de menor tamaño. Nos vindeiros días está previsto efectuar un reforzo –tal e como xa se fixo nas últimas horas– parta evitar a acumulación de lixo nos contedores.

O Concello pide á cidadanía que extreme as precaucións para evitar situacións de perigo, con especial atención ás zonas próximas á costa, onde están previstas as peores condicións meteorolóxicas, con ondas de ata nove metros e fortes refachos de vento.

2 de febreiro de 2017 | 11:06 • Sen comentarios

Comentarios pechados.