Os concellos da Coruña teñen ata o 15 de marzo para optar ás axudas para a contratación de persoal de turismo
O día 15 de marzo, ás 14:00 horas, remata o prazo para que os concellos opten ás axudas da Deputación da Coruña para a contratación de persoal para as oficinas de turismo dos concellos.
A área de Turismo da Deputación da Coruña destina 800.000 nunha liña de axudas co fin de contribuír á creación de emprego no sector e á mellora e profesionalización do servizo de atención turística dos concellos.
A Deputación da Coruña financia as retribucións do persoal técnico para as oficinas de turismo dos concellos ou agrupacións de concellos de poboación inferior a 50.000 habitantes, por un período mínimo de 4 meses, coincidindo coa temporada alta turística.
“Preténdese achegar coñecemento e calidade ás administracións coa contratación de persoas especializadas nas oficinas de información ademais de contribuír á empregabilidade de persoas con formación no sector”, sinala o deputado responsábel da área de Turismo, Xosé Regueira que prevé que as novas contratacións contribúa á incrementar a planificación turística e aumentar tamén o período de atención ás persoas visitantes. “As liña influirá directamente no número de contratos que se formalizarán desde as administracións locais e é un avance á hora de achegar coñecemento e formación no sector aos municipios”, engadiu o deputado.
Os criterios de baremación das solicitudes contemplarán o número total de aloxamento en establecementos turísticos do concello ou agrupación dos concellos, a capacidade de cobertura da demanda turística, o que significa a existencia de oficinas de información turística diferenciadas e un área ou servizo de seu no concello con persoal asignado, entre outras ou o interese turístico e a planificación sostida.
A liña da área de Turismo reverterá na creación de postos de traballo no sector turístico, un dos obxectivos nos que leva traballando o departamento que dirixe na Deputación da Coruña, Xosé Regueira. O persoal que opte ás prazas dos concellos deberá estar en posesión dos títulos de técnico superior en Guía, Información e Asistencia Turística, Turismo, técnico en Empresas e Actividades
Turísticas ou grao e licenciatura en Historia da Arte, Humanidades, Xeografía e Ordenación do Territorio ou Historia.











