O presidente da Deputación participa nun obradoiro do Colexio de Médicos da Coruña para aprender a salvar vidas
O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, participa hoxe nun obradoiro no Colexio de Médicos da Coruña, onde se amosan as técnicas básicas pero efectivas de recuperación cardiopulmonar (RCP), co obxectivo de acadar unha resposta inmediata ante unha persoa que padece unha parada cardíaca.
González Formoso non quixo perder a oportunidade de coñecer ‘in situ’ unha problemática que sacude a todo o conxunto da poboación. Facendo prácticas cun maniquí hospitalario, o presidente seguiu paso a paso as recomendacións dos expertos, dende a comprobación respiratoria, o uso de desfibriladores ata as masaxes cardíacas.
Unha iniciativa, que ten como finalidade dar a coñecer aos cidadáns a importancia de formarse na técnica de primeiros auxilios e axudar así a salvar vidas. Tan só en Galicia realízanse 700 reanimacións cardiopulmonares fóra dos hospitais, un dato que amosa o valor das campañas preventivas que se poñen en marcha dende o ámbito sanitario e as institucións para conseguir aumentar as cifras de supervivencia.