O Igape considera fundamental que as empresas familiares sigan medrando para facilitar o crecemento da economía de Galicia

Xornada técnica específica en Vigo
O director do Igape, Juan Cividanes, destacou esta mañá en Vigo que para consolidar o crecemento da economía de Galicia é fundamental que as empresas de carácter familiar sigan investindo e apostando pola súa modernización tecnolóxica.
Durante a súa participación na xornada O futuro da empresa familiar, que se celebrou no Círculo de Empresarios de Galicia, Cividanes salientou que as compañías de base familiar configuran arredor do 90% do tecido produtivo galego e reportan unha parte fundamental do PIB. Así, o director do Igape destacou como fundamental que as compañías familiares galegas aposten pola profesionalización dos seus cadros directivos para mellorar a xestión e, consecuentemente, a competitividade das empresas, tamén a través de novos investimentos, mesmo no ámbito da Industria 4.0. Estas melloras, engadiu, situaranas en disposición de incrementar a súa internacionalización.
Durante o seu relatorio, centrado nos instrumentos financeiros ao servizo do crecemento e modernización da empresa familiar, Cividanes lembrou que estas compañías poden acollerse a todos os programas de apoio á actividade empresarial habilitados pola Consellería de Economía, Emprego e Industria, tanto aos de capital risco ou préstamos participativos que ofrece XesGalicia como aos préstamos directos ou bonificados facilitados polo Igape para reforzar as súas estruturas financeiras e poder medrar.
Cividanes dixo tamén que programas de servizos avanzados como o ReAcciona, actualmente activo, están ao servizo das empresas familiares galegas para facilitar a implantación de proxectos de mellora en ámbitos como a optimización do financiamento, o desenvolvemento estratéxico integral, a redefinición do modelo de negocio, a optimización de procesos de produción, o relanzamento comercial ou a identificación de aliados e redes de cooperación. O ReAcciona conta tamén cun servizo específico para facilitar a elaboración e posta en marcha de plans e protocolos de sucesión na empresa familiar galega.
Na inauguración da xornada organizada por Improven e On Tax Legal, participou tamén Margarita Hermo, directora da Asociación Galega de Empresa Familiar (AGEF), da que forman parte compañías que suman preto de 50.000 traballadores.











