publicidade hoxe

O Igape achega ás pemes galegas as oportunidades de negocio en Perú

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGalicia exterior
A-
A+

O director do Igape, Juan Cividanes, destacou hoxe durante a súa intervención na apertura dunha xornada técnica sobre oportunidades de negocio e investimento no Perú o interese crecente das empresas galegas por este mercado ao que venderon o ano pasado 357 compañías de Galicia, acadando un incremento das exportacións que superou o 12%.

Na xornada sobre as oportunidades de negocio en Perú desenvolvida hoxe en Santiago participaron o conselleiro económico da embaixada dese país en España, Bernardo Muñoz, e representantes das empresas G.O.C. e Proyfe, que compartiron a súa experiencia de negocio en Latinoamérica en xeral e, concretamente, en Perú.

Cividanes lembrou que, para seguir dinamizando as exportacións galegas, que este ano rexistraron un novo récord, o Igape xa publicou as bases do programa Galicia Exporta Organismos Intermedios para este ano, coas que se prevé apoiar a 200 compañías mediante proxectos colectivos impulsados por clústers, centros tecnolóxicos ou consellos reguladores. O prazo para a presentación de solicitudes ao abeiro deste programa está aberto ata o próximo 27 de marzo.

O director do Igape subliñou que os proxectos, de grupos de polo menos tres empresas con intereses coincidentes nos mesmos mercados internacionais, constitúen a mellor opción para sacar mellor rendemento dos recursos públicos. As axudas previstas nesta convocatoria cobren o 80% dos gastos subvencionables.

A nova convocatoria para organismos intermedios, agora activada e cofinanciada con fondos Feder, completarase con outras iniciativas que se están a desenvolver tamén ao abeiro da Estratexia de internacionalización da Empresa Galega 2020, como son o programa Foexga, o programa Galicia Exporta Empresas e as axudas para a contratación de xestores de internacionalización.

23 de febreiro de 2017 | 16:19 • Sen comentarios

Comentarios pechados.