O Gorgullón, Virxe do Camiño e a Ponte do Burgo e Santiña serán os primeiros proxectos subvencionables con DUSI
O Concello tomou a decisión de que todos os proxectos que elabore neste novo ano cumpran a normativa dos fondos europeos DUSI. Baixo este paraugas o Concello está a facer os proxectos vinculados á mellora do Camiño de Santiago ao seu paso pola cidade, en concreto, a rúa Gorgullón, Virxe do Camiño e a Ponte do Burgo e a rúa Santiña por un valor total duns 4 millóns de euros.
Cabe lembrar que os Fondos DUSI adxudicados ao Concello de Pontevedra permiten o financiamento dun determinado tipo de obras (que se axusten á estratexia aprobada) e teñen que ter un proceso de contratación específico. Para que todos os proxectos sexan polivalentes, o Concello optou por incluír esta normativa en todos os procesos de contratación de tal xeito que cando cheguen os primeiros fondos xa se lle poidan imputar certos proxectos, e aqueles que non entren nestes financiamentos faranse con fondos municipais.
A concelleira de Urbanismo e responsable dos Fondos DUSI no Concello, Carme da Silva explicou esta mañá na Comisión de Urbanismo que o Concello dispón até o 14 de febreiro de remitir unha documentación solicitada polo Ministerio para comezar a distribuír os fondos.