publicidade hoxe

O Entroido coruñés incidirá no carácter irreverente e espontáneo da festa

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+
Presentación do Entroido

Presentación do Entroido

O concelleiro de Culturas, Deporte e Coñecemento, José Manuel Sande, presentou esta mañá a programación do Entroido coruñés, que se desenvolverá entre os días 17 de febreiro e o 1 de marzo. O edil salientou o carácter “irreverente e espontáneo” dunha celebración “de barrio, cun gran potencial cidadá”, protagonizada “polo espallamento de crítica e autocrítica necesarias”, e que está “ateigada de humor”. “O labor do Concello nesta iniciativa, unha das grandes festas tradicionais da cidade, debe ser o de acompañar e apoiar uns festexos nos que destaca, fundamentalmente, a activa participación e autoxestión cidadá”, afirmou o responsable municipal. Neste sentido, Sande informou que o Goberno local promoverá este ano “novos elementos”, como a recuperación dos apropósitos, a proxección dun documental sobre o Carnaval de Cádiz ou a posta en marcha dun pequeno circo na praza de María Pita, que desenvolverá obradoiros e pasacalles “propagando a actividade do Entroido alén da praza e con espectáculos para todos os públicos”. Como vén sendo habitual, a programación tamén ofrecerá elementos tradicionais como concursos gastronómicos e de disfraces, desfiles, ofrendas, ou o Enterro da sardiña.

Nesta ocasión, ademais, o executivo municipal apostou polo debuxante coruñés Alberto Guitián como o autor da serie de carteis do Entroido, “que inciden no espírito choqueiro ”, especificou o concelleiro, dando así continuidade á liña posta en marcha pola súa área para visualizar o traballo das e dos profesionais da ilustración locais.

O Entroido comezará o 17 de febreiro co tradicional concurso da orella, “aínda que a proposta estará focalizada do día 24 ao 1”, sinalou o edil de Culturas. Esa mesma fin de semana, o domingo 19, terá lugar o concurso de comparsas, na modalidade de música e letra, que será ás 18.00 horas no Pazo de Ópera. Xa o venres 24, a xornada comezará co concurso da filloa para dar paso, ás 21.00 horas, á entronización do Deus Momo no Obelisco. Esta noite, desde as 23.30 horas, iniciarase o velorio da sardiña, que terá continuidade até a madrugada do martes 28 de febreiro.

Entre o sábado 25 e do luns 27, a praza de María Pita acollerá o Pequeno Circo de Entroido, que se iniciará coa apertura da carpa ás 11.00 horas do 25 de febreiro. Obradoiros, xogos dinamizados, cabarés e desfiles sucederanse ao longo dos tres días, con espectáculos específicos tanto para o público infantil como para persoas adultas –nas noites do domingo e luns–. O sábado 25, ademais, terá lugar o Desfile de Entroido, así como os concursos de carrozas e de comparsas na modalidade de vestiario e coreografía. A comitiva partirá ás 17.30 horas do Cantón Pequeno, e percorrerá o Cantón Grande, a avenida da Mariña, a avenida de Montoto e María Barbeito até chegar á praza de María Pita, na que se entregarán os premios correspondentes e se celebrará o Musical dos Apropósitos 2017. A este respecto, o edil sinalou que este ano o Goberno local impulsará a recuperación destes, coa presentación o luns 27 ás 20.00 horas, do libro O apropósito coruñés. Unha ollada desde dentro, de Antón de Santiago, “autor de boa parte destas pezas teatrais, parodias da actualidade, escritas na democracia”. Sande aseverou tamén que o próximo ano realizarase unha “convocatoria específica de apropósitos”, coa finalidade que estes “teñan continuidade na vida coruñesa”.

O martes 28 chegará “o día por excelencia do entroido coruñés”, segundo especificou o concelleiro, e ofrecerá unha programación “bastante completa”, con ofrendas florais, a festa choqueira na contorna da rúa da Torre e Campo da Leña e do concerto dos Mecánicos. Esta celebración precederá ao peche, o mércores 1 de marzo, coa proxección da película ‘La fiesta de los locos”, de Manuel Iborra, no GGAI, e o Enterro da sardiña. A comitiva fúnebre sairá ás 20.45 horas da rúa Areal, e percorreá a avenida de Hércules, rúa Torre e o Campo da Leña. Ás 21.00 horas será a desentronización do Deus Momo, e o grupo dirixirase cara á praia de San Amaro, onde se producirá o enterro da Sardiña e o fin de festa.

Concursos de comparsas e carrozas

A Concellería de Culturas, Deporte e Coñecemento ten publicada na súa web, www.coruna.gal/culturas , as bases de participación dos concursos de comparas –nas modalidades de música e letras, e de vestiario e coreografía–, carrozas e disfraces. No caso da modalidade de música e letras, poderán formar parte do concurso persoas ou entidades, con agrupacións dun mínimo de 10 participantes disfrazados para a ocasión, que previamente efectúen a súa inscrición mediante o envío dun correo electrónico a imce@coruna ou se presenten nas oficinas do IMCE antes das 14.00 horas do mércores 8 de febreiro. A participación de cada grupo no festival, que terá lugar o 19 de febreiro, consistirá en interpretar dúas cancións co oportuno acompañamento musical durante un tempo máximo de intervención de 4 minutos por canción. A comparsa gañadora terá que interpretar as dúas pezas en directo o venres 24 de febreiro ás 21.00 horas no acto de entronización do Deus Momo, que terá lugar no Obelisco. Tanto no caso do concurso de carrozas como no de comparsas –na modalidade de vestiario e coreografía–, as persoas ou entidades interesadas en participar deberán efectuar a súa inscrición antes das 14.00 horas do venres 10 de febreiro, e asistir ao desfile que discorrerá entre o Cantón Pequeno e a Praza de María Pita o sábado 25 de febreiro. Todos os detalles e requirimentos poden atoparse na web municipal. Finalmente, os concursos de disfraces, tanto o infantil como o de persoas adultas, terán lugar na tarde do martes 28 de febreiro. As persoas interesadas en participar –na categoría infantil haberá dúas modalidades de disfrace, entre as que se inclúe a choqueira — poderán inscribirse desde unha hora antes do inicio do concurso. Mentres que no infantil as persoas participantes deberán ser nenos e nenas nacidos despois do 31 de decembro de 2004, no xeral de choqueiros –no que se poderá participar de forma individual ou en grupo– poderán facelo todas as persoas nacidas antes do 1 de xaneiro de 2005.

7 de febreiro de 2017 | 17:43 • Sen comentarios

Comentarios pechados.