O DOG publica o anuncio de licitación da primeira fase das obras de demolición da Cidade da Xustiza de Vigo
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe (http://www.xunta.gal/dog/Publicados/2017/20170215/AnuncioG0244-070217-0002_gl.html)
o anuncio de licitación relativa á execución da primeira fase, demolicións, das obras de rehabilitación do antigo Hospital Xeral para convertelo na futura Cidade da Xustiza de Vigo.
O delegado territorial da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, informou esta mañá en rolda de prensa da publicación que hoxe se anuncia oficialmente facendo fincapé no “compromiso” do Goberno galego de “iniciar de forma inmediata as obras”. “Hoxe xa é unha realidade”, valorou de forma moi positiva. Tamén explicou que o DOG publica (http://www.xunta.gal/dog/Publicados/2017/20170215/AnuncioG0244-080217-0002_gl.html)
outra licitación para a contratación dun servizo que se encargue da elaboración de diversos estudos e informes do complexo do antigo hospital. En total, son case 3,5 millóns de euros.
Coma se especifica, os traballos de demolición contan cun investimento superior aos 3,2 millóns de euros e un prazo de execución de 5 meses contados dende o día seguinte ao da data da acta de comprobación da implantación. O 2 de marzo remata o prazo para a presentación de ofertas por parte das empresas interesadas.
A partir de agora e coa idea de axilizar ao máximo o procedemento para que o futuro complexo xudicial sexa unha realidade o antes posible, xa se solicitou ao Concello de Vigo a correspondente licenza para levar a cabo estas obras de demolición coa previsión de iniciar os traballos neste semestre.
“Levamos menos dunha semana da aprobación do orzamento e a Xunta xa inviste 3,2 millóns de euros na cidade”, considerou López-Chaves, quen lembrou que o proxecto do arquitecto gañador do concurso de ideas, Alfonso Penela, dividiuse en dúas fases, a fase de execución, con esta primeira parte de demolición e baleirado daquelas zonas do antigo edificio do hospital que serán retiradas, e unha segunda fase de obra de rehabilitación, que será entregada no terceiro trimestre deste ano para poder estar en obras antes de que remate o ano e cun prazo de execución de 24 meses. O obxectivo principal: que o novo edificio xudicial sexa unha realidade antes de rematar 2019, cun investimento global que roldará os 25 millóns de euros.