O CPI de Pontecesures acolle a mostra da deputación “Exodus”
O Centro Público Integrado de Pontecesures acollerá desde este xoves 16 de febreiro a exposición fotográfica “Exodus: na procura de refuxio”. A Deputada de Cohesión Social e Xuventude, Digna Rivas, inaugurará a mostra, que forma parte dunha serie de actividades relacionadas coa temática das persoas refuxiadas, a partir das 11:35 horas. A exposición, elaborada polos fotoxornalistas galegos Felipe Carnotto e Adrián Irago entre os meses de setembro e outubro de 2015, documenta as vivencias dos refuxiados e refuxiadas que foxen de distintos conflitos bélicos para chegar a Lesbos e percorrer os Balcáns na procura dun novo fogar en Europa. “Exodus” poderase visitar entre os días 16 de febreiro e o vindeiro venres 3 de marzo na biblioteca do CPI de Pontecesures, en horario de 14:00 a 15:00 horas e os martes, ademais, de 16:30 a 18:30 horas.
Respecto a esta mostra, a Deputada de Cohesión Social e Xuventude, Digna Rivas, lembra que “Exodus provén dos termos latino e grego que significan ‘saída’, coas consecuencias que iso leva consigo”. As persoas protagonistas destas imaxes son persoas “que escapan de países onde uns poucos están a impoñer a súa vontade por enriba de todo”, que “arriscan as súas vidas ata chegar a perdelas no Mediterráneo” buscando “esperanza, paz e solidariedade”, sinala a Deputada provincial.
A exposición xa se exhibiu entre o 29 de abril e o 10 de xuño no Pazo provincial da Deputación, “pero pareceunos boa idea que se fixera itinerante para que recorrese os concellos da provincia” e que a súa veciñanza, afirma a Deputada, “saiba o que está a acontecer”. Pontecesures é un novo punto da itinerancia da mostra “Exodus” despois de que a acollesen os concellos de Caldas de Reis, Salceda de Caselas, Nigrán, Forcarei, Catoira, Moaña, Tomiño, Rodeiro, As Neves, Cambados, Vilaboa, Silleda e A Illa de Arousa.