O congreso ‘A presenza feminina na escritura’ afonda na figura da muller nos textos medievais
O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García inaugurou hoxe á mañá no Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades (CRPIH) o congreso internacional “A presenza feminina na escritura. Voces de mulleres na idade media”, que se desenvolverá no antigo hospital de San Roque, sede do CRPIH, desde hoxe e ata o día 3 de febreiro.
García Gómez lembrou que “a literatura galega contemporánea está construída sobre a figura dunha muller -Rosalía de Castro- e asentada nunha tradición que se remonta orgullosa a aquelas cantigas de amigo medievais en que unha voz lírica feminina expresaba o seu sentir”, polo que “non podo pensar nun lugar mellor ca a capital de Galicia para poñer en valor as voces das mulleres, ás que a nosa lingua e cultura tanto lles debe”.
A canda o secretario xeral, interviñeron no acto inaugural María Dolores Álvarez Pérez, vicerreitora de Estudantado, Cultura e Responsabilidade Social da Universidade de Santiago de Compostela (USC); Esther Corral Díaz, profesora da mesma universidade, investigadora do CRPHI e directora do congreso; María do Cebreiro Rábade Villar, vicerreitora da Facultade de Filoloxía compostelá, e Francisco Cidrás Escáneo, director do Departamento de Filoloxía Galega da USC.
A importancia da escrita feminina
O congreso “A presenza feminina na escritura. Voces de mulleres durante a idade media” -que reunirá durante tres días máis de 100 participantes, entre eles 67 especialistas de referencia no ámbito internacional- parte da constatación de que “ainvestigación sobre a importancia da muller medieval foi tradicionalmente marxinada nos estudos clásicos” a pesar de que “existen mulleres de diferente condición que ocuparon unha posición relevante e que contaron cunha produción literaria, artística ou filosófica que aínda non experimentou unha valorización positiva nin un interese semellante ao suscitado polos homes”.
Baixo a dirección da investigadora do CRPIH Esther Corral Díaz, a organización do congreso espera que este permita “visibilizar a importancia da feminidade e das voces de mulleres na Idade Media a través dos seus textos (literarios e non literarios), da súa contextualización histórica e de representacións iconográficas”, “indagar nas proxeccións e nos prexuízos en contra da feminidade” ou “presentar recursos dixitais de referencia sobre os estudos das voces de mulleres na Idade Media”, entre outros obxectivos.
Toda a información e o programa está dispoñibles no web oficial do congreso https://www.vocesdemujeresmedievales.com/gl/.
Centro Ramón Piñeiro
O CPRIH, que colabora na organización do congreso “A presenza feminina na escritura. Voces de mulleres durante a idade media”, ten a finalidade de promover, desenvolver e darlles difusión a proxectos galegos de estudos lingüísticos, literarios, históricos e antropolóxicos. Unha das súas liñas de investigación actual xira arredor do macroproxecto “Arquivo Galicia Medieval”, que inclúe os proxectos “Lírica profana galego-portuguesa”, “Prosa literaria galega medieval” e “Cantigas de Santa María”.