O Concello de Santiago aposta por ter un papel referente na Cooperación ao Desenvolvemento
A concelleira de Políticas Sociais, Diversidade e Saúde, Concha Fernández, participou esta mañá da xuntanza do Consello de Cidades e Deputacións do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade para impulsar a cooperación ao desenvolvemento cos países máis empobrecidos.
Santiago de Compostela quere ser referente, xunto cos concellos de A Coruña, Ferrol, Lugo, Ourense e Pontevedra, e as deputacións de Lugo e A Coruña, nos proxectos promovidos no eido do desenvolvemento e a cooperación e liderar estas iniciativas que teñen como finalidade o respecto aos Dereitos Humanos.
Fondo Galego
O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade é unha asociación de carácter municipalista que agrupa a concellos e deputacións de toda Galicia, unidos pola preocupación común de levar adiante iniciativas de cooperación e solidariedade con enfoque de dereitos humanos cos países menos desenvolvidos ou máis empobrecidos.
O Fondo Galego xorde a finais do ano 1997 como expresión institucional desa crecente sensibilidade cidadá arredor das crises humanitarias e a pobreza mundial que percorreu o Estado español e Europa durante os anos 90, dos efectos sociais de tantas calamidades, catástrofes ou guerras, que a cotío irrompen nas nosas vidas, para poñer o contrapunto a outro segmento da humanidade que entende a vida e as crises doutra maneira.
O Fondo tamén xorde para ir máis alá da mera urxencia e arbitrar programas sólidos e permanentes centrados no desenvolvemento estrutural desas comunidades que, a pesar de representar a maior parte da demografía mundial, van no furgón de cola da “nova economía”.