publicidade hoxe

O Concello de Rodeiro acondiciona a piscina municipal

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaRodeiro
A-
A+

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, acompañado do alcalde de Rodeiro, Luis López Diéguez, visitou esta mañá este concello co obxectivo de comprobar as obras que se realizaron a través da orde de subvención para Infraestruturas de Uso Público e que permitiron mellorar as instalacións da piscina municipal.

Grazas a estas axudas, o concello de Rodeiro puido levar a acabo o peche das instalacións dado o “importante deterioro que presentaba o anterior peche”, explicou o rexedor de Rodeiro.

Os traballos tiveron un orzamento de case 42.000 euros, dos cales 28.000 procederon da orde de subvención para Infraestruturas de Uso Público da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza. O 20% restante do custo da obra foi asumido polo concello así como o IVE.

Segundo apuntou Luis López, “demoleuse o anterior peche case na súa totalidade, salvo a base de sebes vexetais que existe na fachada oeste e que quixemos manter no seu estado orixina”. Instaláronse posteriormente peches novos e axeitados ao contorno e se rehabilitou a cara inferior do muro da fachada das instalacións, “xa que presentaba problemas de acabado e filtracións”.

Finalmente, tamén se instalou un peche na zona sur co obxectivo de xerar sombra artificial, para o cal instalouse malla verde sobre unha estrutura de aceiro galvanizada, cun toldo desmontable que se usará na época estival e se retirará nas épocas de climatoloxía adversa.

A nivel provincial, a orde de subvencións da Vicepresidencia, para a creación e/ou mellora das infraestruturas, dotacións, instalacións e equipamentos vinculados á prestación de servizos municipais destinadas a concellos galegos en 2016, cofinanciada polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), no marco do Programa de Desenvolvemento Rural de Galicia, contou cunha axuda global de 1,7 millóns de euros.

Este programa, ao igual que a Xunta de Galicia, ten entre as súas prioridades “a mellora da calidade de vida nas zonas rurais” e por iso o Goberno galego decidiu apoiar economicamente aquelas actuacións cuxo obxectivo sexa mellorar as infraestruturas e equipamentos de uso público e, por tanto, dos servizos municipais que os concellos prestan aos seus veciños e veciñas, explicou pola súa banda Cores Tourís.

As actuacións subvencionables baixo esta orde foron proxectos de construción, mellora, ampliación ou rehabilitación de espazos públicos -prazas, paseos, rúas, parques públicos e parques infantís-; edificios ou dependencias municipais destinados á prestación de servizos administrativos; e instalacións deportivas de uso público; así como as súas respectivas dotacións de equipamentos. Ademais, tamén eran subvencionables as instalacións, ampliacións e melloras das redes de iluminación pública e a pavimentación de vías municipais que non estean incluídas no programa de mellora de camiños do concello beneficiario.

A nivel provincial, investíronse en total 2,6 millóns de euros en 58 proxectos relativos a infraestruturas de uso público, no que a administración autonómica sufragou o 80% e o 20% os concellos beneficiados. Mentres, a través dos Fondos de Compensación Ambiental Competitivos se subvencionaron un total de 14 proxectos que supuxeron máis de 535.000 euros de investimento, e a través dos Non Competitivos, foron 18 os proxectos realizados por un montante total de 888.910,30 euros. Precisamente, dentro destes últimos tamén se atopa o concello de Rodeiro que recibiu 56.116 euros.

2 de febreiro de 2017 | 17:47 • Sen comentarios

Comentarios pechados.